Skip to main content
STG

BOUSC 1 | Year II | January 23, 2026

III. Acordos e resolucións dos órganos da USC

Acordo do 17 de decembro de 2025 da Comisión Electoral Central, sobre o uso de medios institucionais da Universidade polos candidatos e candidatas nos procesos electorais de reitora e de representantes no Claustro universitario

A convocatoria dos procesos electorais a reitora ou reitor e de representantes no Claustro universitario fai necesaria a regulación do uso de medios institucionais da Universidade polos candidatos e candidatas. Este acordo establece tanto os medios que se poñen á súa disposición como as condicións de uso dos mesmos en igualdade de oportunidades.

Segundo establece o art. 7.2 do Regulamento Electoral Xeral (REX), os órganos de goberno da Universidade colaborarán coa administración electoral na organización e xestión dos procesos electorais, naqueles asuntos que lles sexan encomendados.

PRIMEIRO. USO DE MEDIOS INSTITUCIONAIS POLAS CANDIDATAS A REITORA

Desde o momento da proclamación definitiva das candidaturas a reitora da USC e ata vintecatro horas antes do día da votación, as candidatas poderán solicitar o uso dos seguintes medios:

Uso de locais institucionais para campañas de difusión

A Universidade de Santiago de Compostela, a través da Secretaría Xeral no caso de espazos comúns, e dos decanatos e direccións dos centros no caso de espazos de Facultades e Escolas, porá a disposición das candidatas a reitora que o soliciten, o local ou locais e os medios dispoñibles necesarios para a realización de calquera acto electoral.

A petición realizarase por correo electrónico. No caso de existir varias peticións para as mesmas horas e o mesmo día, deberá procederse á asignación por rigoroso orde de petición.

En calquera caso, a reserva dunha Sala de Graos ou Salón de Actos non poderá exceder dunha mañá ou dunha tarde por cada centro, e coincidirá nas horas de apertura deste.

Por correo electrónico e coa antelación suficiente, o centro comunicará aos membros da comunidade universitaria adscritos ao mesmo a realización destes actos.

En ningún caso estas actividades entorpecerán o funcionamento ordinario do centro.

Espazo web

A USC, dentro do dominio da Universidade, porá a disposición das candidaturas a reitora que así o soliciten, un espazo web na ferramenta de xestión de contidos da USC para a difusión de cada candidatura.

A USC non se encargará da elaboración e mantemento das páxinas web das candidatas.

Na páxina xeral de eleccións da USC habilitarase un enlace ás páxinas das candidatas.

Listas de distribución

As listas de USC-DIFUSION só poderán ser utilizadas para as campañas institucionais de información sobre as eleccións e a promoción do voto.

Non obstante, durante o período da campaña electoral habilitarase unha listaxe específica de distribución de correo electrónico, denominada "USC-ELECCIONS", que poderá contar coas variantes "USC-ELECCIONS-PDI", "USC-ELECCIONS-PAS" e "USC-ELECCIONS-ESTUDANTES".

Inicialmente estas listaxes conterán todos os enderezos electrónicos que figuran nos colectivos das listaxes de distribución oficial correspondentes. Calquera que o desexe poderá solicitar a súa retirada delas. Estas listas terán carácter restrinxido, xa que só poderán enviar mensaxes as candidatas a reitora a través delas desde a rede da Universidade.

A Comisión Electoral Central poderá revogar os privilexios de acceso a todas as listaxes de distribución da USC durante o período de campaña electoral no caso de que se realicen actividades prohibidas segundo a Normativa de uso das TIC na USC: http://www.usc.es/gl/normativa/protecciondatos/NormativaTIC.html

O número máximo de envíos de cada candidatura será de quince mensaxes por candidata e lista. A Secretaría Xeral, como responsable destas listas, deberá autorizar cada orde de envío e poderá limitar o tamaño das mensaxes.

Dispoñibilidade de local e equipamento básico

As candidatas a reitora terán á súa disposición un local en dependencias universitarias con conexión a internet (fixa ou wi-fi) e unha liña telefónica específica se así o solicitan. A adxudicación de locais realizarase por acordo entre as candidatas, ou por sorteo público.

Asemade, poderán solicitar unha liña de teléfono móbil institucional con capacidade de voz e datos (ámbito nacional) para uso durante a campaña ou que se asocien transitoriamente os gastos da súa liña institucional a unha partida orzamentaria específica creada desde a xerencia para sufragar os gastos de comunicación derivados do proceso electoral, asociación que se reverterá ao finalizar o proceso.

Taboleiros de anuncios

En todos os centros habilitaranse taboleiros de anuncios para a exposición de propaganda electoral, que deberán ser compartidos por todas as candidatas. Os decanatos e as direccións de centro velarán polo uso axeitado destes taboleiros, podendo distribuír os espazos entre as candidaturas. En todo caso a campaña institucional de promoción do voto terá carácter preferente.

Conta de correo

As candidatas a reitora poderán solicitar a creación dunha conta de correo electrónico específica asociada á candidatura.

Acceso aos censos

As candidatas a reitora poderán solicitar un acceso telemático á totalidade do censo, unha vez feita a proclamación definitiva de candidatas.

SEGUNDO. USO DE MEDIOS INSTITUCIONAIS POLAS CANDIDATAS E CANDIDATOS A REPRESENTANTES NO CLAUSTRO

Listas de distribución

Durante o período de campaña electoral habilitarase unha listaxe específica de distribución de correo electrónico, denominada "USC-ELECCIONS", que poderá contar coas variantes "USC-ELECCIONS-PDI", "USC-ELECCIONS-PAS" e "USC-ELECCIONS-ESTUDANTES". Estas listaxes poderán ser utilizadas polas candidaturas e as agrupacións electorais.

Inicialmente estas listaxes conterán todos os enderezos electrónicos que figuran nos colectivos das correspondentes listaxes de distribución oficial. Calquera que o desexe poderá solicitar a súa retirada das mesmas.

A Comisión Electoral Central poderá revocar os privilexios de acceso a todas as listaxes de distribución da Universidade de Santiago de Compostela durante o período de campaña electoral no caso de que se realicen actividades prohibidas segundo a Normativa de uso das TIC na USC: http://www.usc.es/gl/normativa/protecciondatos/NormativaTIC.html .

O número máximo de envíos de cada candidatura ou agrupación será de seis mensaxes. A Secretaría Xeral, como responsable destas listas, deberá autorizar cada orde de envío, podendo limitar o tamaño das mensaxes.

Taboleiros de anuncios e acceso aos censos

As candidatas e candidatos a representantes no Claustro, unha vez proclamados definitivamente, poderán utilizar os taboleiros electorais establecidos para este fin e obter un censo electoral da súa circunscrición, así como exercer os demais dereitos que lles atribúe o Regulamento Electoral Xeral.

TERCEIRO.

A Comisión Electoral Central e a Secretaría Xeral serán as interlocutoras coa Área TIC para a resolución de situacións non contempladas nesta instrución.

Publicado no Taboleiro https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/anuncio/137171/carga.htm CSV: F21F-8F8C-4681-895F