O concerto de improvisación libre ‘Mundo urbano/mundo natural’ citará uns dez artistas este xoves na Praza Maior de Lugo
O Concerto de improvisación libre ‘Mundo urbano/mundo natural’ citará este xoves, día 5 de xuño, a partir das 20.30 horas, no templete da Praza Maior de Lugo, uns dez artistas, que protagonizarán unha reflexión sonora respecto dos múltiples contrastes advertidos entre o mundo urbano e o mundo rural.
Esta actuación, na que participarán integrantes do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), así como outros artistas que traballan músicas improvisadas e de experimentación, servirá de colofón da sexta edición do programa de arte sonora e electroacústica ‘Sons Creativos’, dirixido por Inmaculada Cárdenas Servián. O concerto, que terá unha duración aproximada de entre 50 minutos e unha hora, estará dividido en cinco partes. Nas tres primeiras, os artistas convidados protagonizarán diversas reflexións sonoras sobre o mundo natural, para logo centrar o seus traballos no mundo urbano nas últimas dúas partes deste concerto aberto a todo o público interesado e de carácter gratuíto. Arturo Vaquero será o encargado de masterizar todas as diversas producións sonoras que se traballen no marco deste concerto, no que se empregará como base material sonoro de Inmaculada Cárdenas, así como doutros/as creadores/as. Asemade, os promotores desta iniciativa creativa tamén brindarán ao público asistentes a oportunidade de participar no concerto coas súas opinións ou reflexións sobre as súas respectivas visións ou pensamentos da realidade natural e do mundo urbano.