A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC celebra a súa XIX Asemblea Xeral
Os socios da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC teñen este xoves 5 no Colexio de Fonseca a partir das 19.00 horas unha cita para celebrar a súa XIX asemblea xeral ordinaria e outra asemblea xeral extraordinaria para a renovación de cargos. No acto, que estará presidido polo reitor Juan Casares, farase entrega do VIII Premio de Relato Curto e o director da casa de Galicia en Madrid impartirá unha conferencia. Ás 19.00 horas comezará en segunda convocatoria a XIX asemblea xeral ordinaria na que se presentará aos socios o informe do presidente sobre as actividades realizadas, o da tesourería sobre as contas da asociación e se falará sobre as actuacións futuras. A continuación terá lugar unha asemblea xeral extraordinaria para a renovación de tres cargos que cesan por expiración do mandato. Deste xeito pasarán a formar parte da xunta directiva Enrique Alonso Mougán, como tesoureiro e Luís Casares Balsa e Víctor A. García Dopico como vogais. Ao remate das asembleas realizarase a entrega do VIII Premio de Relato Curto a Víctor A. García polo relato titulado Os animais son seres libres e a continuación terá lugar a conferencia do director da Casa de Galicia en Madrid, José R. Ónega Pérez, baixo o título ‘Lembranza dun tempo ido na universidade compostelá’. Os socios despedirán o día cunha cena de confraternidade. A asociación A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC naceu en 1996 co obxectivo de achegar a universidade á sociedade reunindo a antigos compañeiros de estudo e fomentando que o antigo alumnado permaneza vinculado coa institución académica a través de múltiples actividades.