Skip to main content
STG

Bota a andar a sétima edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con licenza libre

Bota a andar a sétima edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con licenza libre
Bota a andar a sétima edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con licenza libre

O alumnado universitario dispón ata o 30 de setembro para participar no Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con licenza libre, unha convocatoria que promove a Oficina de Software Libre, na que participa a USC a través do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG). Nesta sétima edición o Premio terá unha dotación económica de 1.500€. Ademais, se o xurado o considerase adecuado, podería concederse tamén un accésit de 750€. Poderá optar ao premio calquera estudante matriculado nalgunha das titulacións de enxeñería ou enxeñería técnica, titulacións de grao ou mestrado do Sistema Universitario Galego, que teña presentado e defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2013/2014, ben sexa ordinaria ou extraordinaria, sempre que o proxecto fose avaliado antes da data de finalización do prazo de inscrición. O proxecto deberá estar realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e, como segunda condición, que o software desenvolvido durante o Traballo Fin de Grao sexa liberado baixo unha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. O Premio ao Mellor Proxecto de Fin de Carreira con Licenza Libre ten como meta o fomento e o achegamento de universitarios/as de Galicia ao software libre, incrementando o coñecemento que teñan sobre este tipo de tecnoloxías e en consecuencia abríndolles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación. Este premio, que vai pola súa VII edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar unha importante carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu traballar para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. As persoas interesas poden seguir as novidades desta convocatoria a través das listas de correo do Premio.

The contents of this page were updated on 06.05.2014.