Skip to main content
STG

Mesa redonda ‘Conversas tóxicas na rede: Que facer cos discursos de odio na internet?’

12.17.2025 | 18.00h

Santiago de Compostela
Aula 4

  Mesa redonda ‘Conversacións tóxicas na rede: Que facer cos discursos de odio na internet?’
Mesa redonda ‘Conversacións tóxicas na rede: Que facer cos discursos de odio na internet?’

O mércores 17 ten lugar a mesa redonda ‘Conversacións tóxicas na rede: Que facer cos discursos de odio na internet?’. Será no contexto das Conferencias Mazarelos organizadas pola Facultade de Filosofía coa colaboración da Red Española de Filosofía de la Inteligencia Artificial (reFIA). A sesión, de entrada libre, será ás 18.00 horas na Aula 4 da Facultade de Filosofía (primeira planta).

Nesta mesa reflexionarase sobre que é (e que non é) o discurso ou discursos de odio nas redes sociais, como se propaga, cales son as súas características e que medidas se poden aplicar sen menoscabo da liberdade de expresión. A partir de casos reais e a evidencia empírica das persoas participantes, analizarase o papel das plataformas, a comunicación dalgúns actores que rendibilizan o odio, o marco contextual no que se moven e o impacto social en termos de saúde democrática.

Participan no debate a profesora de Ciencias da Computación e IA da Universidade de Coruña, Laura Castro Souto; a profesora de idiomas na USC Noemí Liz Comesaña;  o profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo, Luís Xabier Martínez Rolán; e o profesor da Facultade de Filosofía da USC Martín Pereira Fariña. Modera a mesa o decano da Facultade de Filosofía da USC, Xavier de Donato.
 

The contents of this page were updated on 12.16.2025.