Skip to main content
STG

Un informe recomenda a creación dun Observatorio para abordar a dixitalización nos convenios colectivos de sector galegos

De esquerda a dereita, o profesor Miranda Boto, Antía Sández, a decana Ana Gude, e os profesores Lidia Gil Otero e José Pazó Argibay. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, o profesor Miranda Boto, Antía Sández, a decana Ana Gude, e os profesores Lidia Gil Otero e José Pazó Argibay. FOTO: Santi Alvite
O profesor da USC José María Miranda Boto dirixe este estudo do Consello Galego de Relacións Laborais, a primeira análise exhaustiva de como incorporar a transformación tecnolóxica á negociación colectiva en Galicia
Santiago de Compostela

Abordar o réxime da dixitalización no traballo é unha obrigación para a negociación colectiva galega. Con todo, é unha tarefa que pode atopar dificultades ao ser tratada en solitario polos axentes sociais en cada sector, polo que “convén dotala do maior apoio institucional posible”. Esta é a primeira das recomendacións que se realizan no informe sobre a dixitalización nos convenios colectivos de sector galegos, impulsado polo Consello Galego de Relacións Laborais e dirixido polo profesor da USC, José María Miranda Boto. A Facultade de Dereito da USC acolleu este xoves 22 o acto de presentación deste documento, a primeira análise exhaustiva de como a transformación tecnolóxica se incorporará á negociación colectiva en Galicia. 

A creación dun Observatorio ou unha Comisión sobre dixitalización, asegura o informe, permitiría “establecer un órgano onde se elaborasen cláusulas tipo, impartiríanse formación ás partes negociadoras e aos equipos xurídicos que as apoian, e deseñaríanse accións comúns que beneficiasen ao conxunto das relacións laborais en Galicia, incluíndo á Administración laboral e á Inspección de Traballo (por exemplo, en materia de algoritmos)”. O documento tamén pon o foco en que se debería impulsar a revisión dos convenios colectivos para incorporar de maneira sistemática e detallada as competencias dixitais, tanto nas descricións funcionais como nas táboas retributivas. 

Teletraballo, intimidade e desconexión

No relativo ao teletraballo o informe salienta que os convenios colectivos sectoriais de Galicia “deberían establecer un marco común que garanta protección tanto para as empresas como para as persoas teletraballadoras”. Este marco debería abordar aspectos como a definición do teletraballo, os criterios para acceder a el, a porcentaxe mínima de xornada teletraballada necesaria para aplicar as garantías, a prioridade do réxime de teletraballo para colectivos vulnerables e con necesidades de conciliación ou as medidas compensatorias dos custos derivados do teletraballo, entre outras. “A regulación do teletraballo esixe tamén ter en conta aspectos como a igualdade de oportunidades, a protección da saúde laboral, a formación continua e a seguridade tecnolóxica, evitando que a falta de adaptación ou a fenda dixital se convertan en causas de discriminación ou exclusión”, destaca o informe.

O estudo tamén pon o foco en como a negociación colectiva galega debería garantir que as persoas traballadoras “sexan informadas previamente, e de forma clara, sobre a utilización de algoritmos que poidan afectar as súas condicións laborais”. As novas tecnoloxías presentan un carácter pluriofensivo que pode afectar gravemente á intimidade das persoas traballadoras, especialmente pola súa capacidade de captar e almacenar datos. Por iso, resulta necesario que a negociación colectiva vaia máis aló das garantías legais e xudiciais, regulando aspectos como a finalidade dos sistemas de vixilancia, o dereito á información sobre a súa instalación e uso, e o cumprimento dos principios de proporcionalidade e minimización. “Estas medidas permitirían limitar a intrusión na vida privada e asegurar que os medios de control se empreguen só cando sexan imprescindibles e de forma xustificada”, destacan.

Sen permitir un uso desproporcionado, os convenios colectivos deberían admitir, sinala o informe, “certa tolerancia respecto de condutas razoables e ocasionais, como consultar o correo persoal ou páxinas web por parte das persoas traballadoras, sempre que non afecten negativamente ao rendemento nin á seguridade da empresa”. En lugar de sancionar automaticamente tales prácticas, “sería recomendable definir claramente que condutas están prohibidas”. Garantir o dereito á desconexión dixital, así como a creación dunha guía de boas prácticas son tamén outras das recomendacións que realiza o documento. 

Ámbitos analizados

O traballo, encargado polo Consello Galego de Relacións Laborais a persoal investigador da USC e da Universidade de León e dirixido polo profesor Miranda Boto, examina 122 convenios colectivos autonómicos e provinciais, co obxectivo de identificar o grao de presenza da dixitalización nos textos convencionais. Entre os ámbitos analizados destacan a participación da representación das persoas traballadoras nos procesos de transformación dixital, os novos perfís e clasificacións profesionais vinculados ás tecnoloxías da información, o teletraballo, o uso de medios dixitais e o dereito á desconexión, a protección de datos, a videovixilancia e o uso de algoritmos e IA, cuestións que mostran un desenvolvemento aínda limitado.

Ademais do profesor Miranda Boto, no acto participaron a decana da Facultade de Dereito, Ana María Gude Fernández, e a presidenta do CGRL, Antía Sández Callejo. O equipo da USC complétano Lidia Gil Otero e José Pazó Argibay. No acto explicouse que o informe servirá como ferramenta para impulsar unha transición dixital xusta, promovendo a transparencia, a seguridade xurídica e a adaptación progresiva de empresas e persoas traballadoras.

 

The contents of this page were updated on 01.22.2026.