Skip to main content
STG
  • Investigar

A USC, a través do IDEGA, impulsa en Senegal o proxecto de cooperación África MOVES

Foto de grupo na Universidade senegalesa
Foto de grupo na Universidade senegalesa
Os equipos avanzan nunha semana de traballo estratéxico coa Université Assane Seck de Ziguinchor (UASZ)

A Universidade de Santiago de Compostela, a través do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), puxo en marcha esta semana un ciclo intensivo de actividades en Senegal no marco do proxecto África MOVES (African Mobilities Organisation for Venturing into Educational Systems), financiado polo programa MOBAF da Comisión Europea no marco do instrumento NDICI-Global Europa cun orzamento de 1.098.822 euros.

O  equipo liderado polos profesores Rubén C. Lois González e Rosa Verdugo Matés, do grupo de investigación ANTE e do IDEGA, xunto coa técnica superior de proxectos europeos Regina Carreira López, mantivo diversos encontros con autoridades da Universidade Assane Seck de Ziguinchor (UASZ), coordinadora do proxecto, para definir as estratexias de xestión e coordinación institucional na súa fase de inicio. As accións levadas a cabo permitiron consolidar a organización interna e avanzar na preparación da semana de cooperación en Bruxelas, que terá lugar en abril.

O programa incluíu formacións de persoal técnico e administrativo coa participación de 25 persoas así como sesións centradas na xestión de proxectos europeos e no uso das plataformas de financiamento da Unión Europea, os sistemas centralizados e os modelos oficiais. Ademais, constituíronse grupos de traballo para o deseño do programa de intercambio interafricano co apoio da USC, unhas das accións centrais de África MOVES, co fin de establecer os mecanismos de coordinación das futuras estadías formativas.

Ademais, o equipo visitou os laboratorios viventes e incubadoras que acollen os programas de emprendemento da universidade anfitrioa e mantivo un encontro con estudantes de mestrado e doutoramento e persoal investigador, onde compartiron oportunidades académicas e profesionais abertas polo proxecto que arrincou este xaneiro e que durará catro anos. Entre os seus obxectivos, a iniciativa incorpora a mobilidade de polo menos 46 estudantes e persoas en formación e promove áreas clave como a gobernanza, a calidade educativa, a transición verde e dixital, a resiliencia social e a democracia.

O consorcio internacional que participa de África MOVES, ademais do IDEGA e a Université Assane Seck de Ziguinchor (Senegal), está composto pola Université des Lettres et des Sciences Humaines de Bamako (ULSHB) e a Université Kurukanfuga de Bamako (UKB) en Malí; a Université Abdou Moumouni (UAM) en Níxer; a Universidade de Cabo Verde (Uni-CV); a Universidade de São Tomé e Príncipe (USTP) e a Universidade Púnguè (UNIPUNGUE) en Mozambique.
 

The contents of this page were updated on 01.30.2026.