Skip to main content
STG

A USC, terceira universidade do Estado en obtención de axudas posdoutorais Marie-Sklodowska Curie

Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
No CiQUS e no CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela desenvolveranse os oito proxectos concedidos, mentres que outras 29 propostas da institución compostelá recibiron o ‘Selo de Excelencia’ deste programa da UE
Lugo, Santiago de Compostela

A USC sitúase como a terceira das universidades do Estado e primeira de Galicia en número de proxectos aprobados na convocatoria de axudas posdoutorais Marie-Sklodowska Curie do Programa Marco da UE, por detrás da Universitat Pompeu Fabra que obtivo doce axudas, e da Universitat de Barcelona, con dez. En concreto, na institución compostelá desenvolveranse oito proxectos, cinco dos cales pertencen ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e tres ao Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS).

A Universidade de Santiago de Compostela presentou nesta convocatoria 2025 un total de 50 propostas, das cales recibirá financiamento o 16%. Ademais, cómpre salientar que outras 29 propostas —58% do total presentado pola USC— recibiron o chamado ‘Selo de Excelencia’ do programa pola súa calidade, malia non recibir finalmente apoio económico.

CiQUS

Baixo a supervisión de Javier Montenegro, María Rodríguez Ríos executará o proxecto ‘Chaotropic transmembrane delivery of proteins (PINCLUS)’, centrado no desenvolvemento dunha nova tecnoloxía para introducir proteínas terapéuticas dentro das células, superando a barreira da membrana celular. Para logralo utiliza clústeres de boro ‘supercaotrópicos’ que permiten un transporte intracelular seguro e a liberación controlada de proteínas sen perder a súa función. PINCLUS aspira así a abrir novas posibilidades para medicamentos baseados en proteínas e establecer unha plataforma terapéutica de nova xeración.

O proxecto ‘Proximity-Driven Polyvalent RIPTAC Innovation for Molecular Eradication of Prostate Cancer (PRIME-PCa)’ desenvolve, pola súa parte, unha nova xeración de fármacos denominados RIPTACs, capaces de forzar a proximidade entre proteínas clave do cancro de próstata resistente e proteínas esenciais para inducir a morte selectiva das células tumorais. Introduce deseños trivalentes e tetravalentes que combinan múltiples mecanismos terapéuticos nunha soa molécula. O seu obxectivo é superar a resistencia, mellorar a eficacia e abrir novas vías de tratamento para o cancro de próstata avanzado. Baixo a supervisión de Eddy Sotelo, executará o proxecto Flavio Francavilla.

A investigadora Surabhi Kamal traballará no desenvolvemento de sensores Raman modulados electricamente baseados en materiais MXene para detectar de forma precisa, económica e en tempo real substancias perigosas como PFAS e PCBs. A iniciativa busca crear plataformas fiables e escalables para a monitorización ambiental, incluíndo arquitecturas autosuficientes en enerxía e novos materiais funcionalizados. Ademais, ofrece formación avanzada en deseño de materiais, enxeñaría de dispositivos e tecnoloxías de detección ambiental. A supervisión do proxecto ‘Novel MXene Synthesis and Functionalization for High-Performance E-SERS Applications (MX-ESERS)’, correrá a cargo de Massimo Lazzari.

‘Bioorthogonal photocatalytic magnetic nanorobots for targeted therapy (BiPhoMag)’ busca crear novas reaccións bioortogonais catalíticas activadas por luz visible mediante nanorrobos híbridos capaces de actuar con precisión no espazo e no tempo. O proxecto emprega nanopartículas núcleo cuberta funcionalizadas con fotocatalizadores biocompatibles para promover reaccións formadoras de enlaces en condicións fisiolóxicas. Esta plataforma aspira a abrir vías innovadoras para intervencións terapéuticas e a manipulación molecular en sistemas vivos. O proxecto de Darío Javier Puchán Sánchez será supervisado por José Luis Mascareñas.

Tania Gerpe Amor desenvolverá en ‘Linker-based design connecting antimicrobial peptides and glycans against Infection and Tumours (Link-IT)’ unha nova estratexia molecular que une péptidos antimicrobianos a glicanos diana mediante ligandos axustables, buscando manter a súa capacidade de romper membranas resistentes pero cunha maior especificidade para evitar toxicidade. O proxecto combinará modelización computacional, síntese química e ensaios biolóxicos. O resultado será unha plataforma versátil para crear terapias selectivas fronte a infeccións e cancro. A supervisora deste proxecto é Rebeca García Fandiño.

CRETUS

Alberto Ruano Raviña será o encargado de supervisar o proxecto ‘Integrated Assessment of Indoor Radon and Hazardous Air Pollutants in Non-Hodgkin Lymphoma – a Case- Control Study in a Radon-Prone Area (AlphaLymph)’ de Lucía Rodríguez Loureiro. AlphaLymph investigará a relación entre o radon interior e o Linfoma Non Hodgkin en Galicia mediante o primeiro estudo caso control con medicións individuais de radon nunha área de alto risco. O proxecto tamén avaliará a exposición a contaminantes atmosféricos perigosos combinando biomonitorización e novos mostreadores de musgo en interiores. O seu obxectivo é xerar probas sólidas que orienten estratexias de prevención ambiental do cancro en Europa.

Finalmente, Sebastián Villasante supervisará os proxectos ‘Indigenous Knowledge and Pluriversal Foresight for Global Sustainability Governance (PLURIVISION)’ de Fronika de Wit e ‘Traditional & Indigenous Knowledge for Decolonizing Environmental Stewardship (TIDES)’ de Navya Vikraman Nair.

PLURIVISION explorará como o coñecemento indíxena e o pensamiento prospectivo poden contribuír a unha gobernanza da sostibilidade máis xusta e inclusiva. O proxecto desenvolve o concepto de Prospectiva Pluriversal, que sitúa as visións indíxenas de futuro no centro dos debates globais sobre biodiversidade e resiliencia climática.

TIDES busca crear novos marcos de gobernanza xusta para os ecosistemas de carbono azul, integrando diagnóstico ecolóxico, valoración de servizos ecosistémicos e coñecementos indíxenas e locais. A partir de estudos en Galicia e Wakatobi, pretende desenvolver ferramentas prácticas e transferibles que melloren a resiliencia e a sustentabilidade das zonas costeiras.

Tanto CiQUS como CRETUS pertencen á Rede CIGUS, superestrutura promovida pola Xunta de Galicia para fortalecer e potenciar a investigación de excelencia universitaria e actuar como motor de progreso da comunidade, e están co financiados pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. 

 

The contents of this page were updated on 02.19.2026.