Skip to main content
STG

Unha mostra conmemora no Pazo de Montenegro os 25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

O arqueólogo Celso R. Cao, responsable da escavación da Domus, participou no acto inaugural da mostra
O arqueólogo Celso R. Cao, responsable da escavación da Domus, participou no acto inaugural da mostra
A exposición consta de doce paneis conformados por textos e imaxes nos que se ofrece unha visión ampla do monumento
Lugo

O Museo Universitario A Domus do Mitreo e o Museo do Castro de Viladonga organizan unha mostra con motivo dos 25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. A Muralla, tal e como destaca a profesora da USC e directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, Dolores Dopico, “tivo unha especial relación coa Domus, xa que a súa construción supuxo destruír a casa, da que só quedou en pé o seu Mitreo”.  A mostra inaugurouse este xoves 5 no Pazo de Montenegro, nun acto presidido polo reitor Antonio López Díaz e no que tamén participaron a profesora Dopico, a directora do Museo do Castro de Viladonga, Elena varela; o deputado provincial Pablo Rivera e o concelleiro Jorge Bustos.

A exposición consta de doce paneis conformados por textos e imaxes nos que se ofrece unha visión ampla da Muralla. O contido abarca o seu contexto histórico, a súa construción, as súas funcións, a súa evolución, o seu impacto urbano e as restauracións recentes.

Achado

No ano 1998, a Universidade de Santiago de Compostela decidiu situar a sede da Vicerreitoría do Campus de Lugo no antigo Pazo de Montenegro. O control arqueolóxico previo á construción da Vicerreitoría documentou a existencia de restos romanos que obrigaron a reformular as obras previstas e a realizar varias campañas arqueolóxicas entre os anos 2000 e 2007. A escavación, que se cinguiu a unha área duns 600 m², permitiu descubrir unha parte significativa dunha antiga domus romana e un espazo de culto relixioso, un Mitreo privado.

O Museo da Domus é un lugar privilexiado para contemplar a muralla romana, pois é o único punto en toda a cidade que permite observala ata os seus cimentos, xa que a escavación afondou sete metros por baixo do nivel do Lugo actual. Isto permitiu estudar a súa estrutura e métodos construtivos. Neste escenario é posible ver o zócolo de cimentación, os restos dos materiais empregados na súa construción (lousa, granito ou cuarcitas), o encalado exterior, as xuntas estruturais, as escaleiras de acceso interno ás torres ou as marcas deixadas polas diferentes collas que traballaron nela.
 

The contents of this page were updated on 03.05.2026.