Skip to main content
STG

O ránking CWTS Leiden destaca a produción científica da USC en matemáticas e ciencias da computación, biomedicina e ciencias da saúde, Vida e ciencias da terra

O ránking CWTS Leiden destaca a produción científica da USC en matemáticas e ciencias da computación, biomedicina e ciencias da saúde, Vida e ciencias da terra
O ránking CWTS Leiden destaca a produción científica da USC en matemáticas e ciencias da computación, biomedicina e ciencias da saúde, Vida e ciencias da terra

Segundo a edición 2015 do ránking CWTS Leiden, a Universidade de Santiago sitúase no posto 334 de entre 750 universidades de todo o mundo pola súa produción científica entre os anos 2010 e 2013. Esta clasificación basease exclusivamente nos datos bibliográficos procedentes da base de datos de Web of Science que produce Thomson Reuters. Concretamente para a súa elaboración utilízanse os datos de Science Citation Index Expanded, do Social Sciences Citation Index e do Arts & Humanities Citation Index. A listaxe fai unha valoración das universidades ofrecendo a posibilidade de ter en conta ou non o seu tamaño e considerando a produción científica en cinco campos de coñecemento como son Biomedicina e ciencias da saúde, Vida e ciencias da terra, Matemáticas e ciencias da computación, Ciencias Físicas e enxeñaría e Ciencias sociais e Humanidades. Atendendo a estas áreas, o mellor resultado prodúcese no campo das Matemáticas e ciencias da computación onde a Universidade compostelá é a primeira de España no indicador que mide o número e a proporción de publicacións –comparadas con outras publicacións no mesmo campo e ano– pertencente ao 1% máis citado. Igualmente, o impacto da produción científica da USC destaca no eido da Vida e ciencias da terra, quinta de España, e no de Biomedicina e ciencias da saúde no sétimo lugar das universidades españolas polo seu volume de produción. No seu conxunto, a Universidade de Santiago sitúase no décimo segundo posto das institucións universitarias españolas, tanto se ten en conta o tamaño como non. Na análise dos datos unicamente se tiveron en conta as publicacións en revistas científicas internacionais, e dentro destas os artigos de investigación e os de revisión. Ademais, as achegas realizadas en colaboración entre distintas universidades contabilizáronse fraccionadamente para recoñecer o peso específico de cada institución. Segundo explican os responsables da clasificación, para a inclusión no ránking era preciso ter ao redor de 1.100 publicacións.

The contents of this page were updated on 05.21.2015.