Skip to main content
STG

Un curso achegará ás granxas familiares o emprego das TIC para mellorar a súa competitividade

Como as TIC poden mellorar a competitividade dos pequenos agricultores é o tema que se abordará no curso que organiza Granxafamiliar, Gist e USC para potenciar o seu uso entre as empresas de agricultura familiar e favorecer así o seu desenvolvemento económico, social e cultural. Os participantes recibirán formación sobre mercadotecnia online en termos de innovación, emprendemento, xestión de recursos dixitais, xestión de redes sociais, agricultura ecolóxica, turismo creativo, desintermediación comercial, entre outros. A cita desenvolverase entre os días 19 de maio e 16 de xuño e comprende formación presencial (20 horas) e a distancia (40 horas) a través de plataforma online, con clases teóricas e prácticas. O prazo de inscrición remata o 14 de maio. Os asistentes coñecerán as posibilidades das TIC para mellorar a competitividade das súas empresas e aprenderán a xestionar a súa propia web ou blog e os contidos nas redes sociais, como Facebook, Youtube ou Twitter. Tamén coñecerán experiencias particulares doutros agricultores que xa aproveitan as vantaxes das novas tecnoloxías nos seus negocios. O curso está dirixido polo presidente de Granxafamiliar- ADAF e director do grupo de investigación Gist-T Idega da USC, Carlos Ferrás Sexto e coordinado polas profesoras do Máster en Sociedade da Información e do Coñecemento da USC, Mariña Pose e Yolanda García. Esta convocatoria enmárcase dentro das actividades organizadas pola Universidade de Santiago, Gist e Granxafamiliar para conmemorar o Ano Internacional da Agricultura Familiar no 2014, impulsado por Nacións Unidas e a FAO. Máis información no correo granxafamiliar [at] granxafamiliar.com (granxafamiliar[at]granxafamiliar[dot]com) e na web www.gist.es.

The contents of this page were updated on 04.30.2014.