Investigadores da Escola Politécnica Superior lideran un proxecto orientado á mellora loxística das fábricas de pensos
Investigadores do grupo de Enerxía e mecanización forestal (GI-1720), con sede na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, lideran o proxecto ‘Prodilact: Sitema para a redución de custes nas explotacións leiteiras a través da mellora loxística e de trazabilidade na produción e distribución de penso’. Esta investigación financiada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, no marco das actuacións do Incite, está a ser desenvolvida ao abeiro dun contrato entre a empresa beneficiaria, Feiraco, e a Universidade de Santiago de Compostela.
Este proxecto de investigación, coordinado polo profesor da Escola Politécnica Superior Carlos Amiama Ares e na que tamén participan investigadores da Universidade da Coruña integrados no grupo ‘ Santiago Game Theory (SaGaTh)’, comezou a desenvolverse en novembro de 2012 e xa está na súa última fase, na que os xestores responsables do funcionamento da fábrica de pensos da cooperativa agraria Feiraco, radicada no concello de Negreira, están a probar as utilidades das novas aplicacións informáticas desenvolvidas ao abeiro deste traballo. Carlos Amiana relata que o obxecto das ferramentas informáticas de decisión e axuda xa desenvolvidas, así como doutras nas que aínda se está a traballar, é o de permitir ás fábricas de penso acadar melloras na organización do seu proceso de produción, avances que tamén farían posible nivelar a súa fabricación, que na actualidade está marcada por un forte compoñente estacional. Antes do deseño das solucións informática agora xa implementadas na fábrica de pensos da cooperativa Feiraco, que está a ser empregada como planta piloto neste proxecto, os investigadores que participan neste proxecto realizaron un estudo exhaustivo para caracterizar as demandas que fan os clientes, así como para identificar todos os elementos ou calquera tipo de condicionante e/ou restrición derivada dos sistemas de almacenamento, capacidades, limitacións de acceso, fórmulas adquiridas, cadencia de pedidos... asociadas a cada un dos clientes da cooperativa. Amiama Ares salienta que o novo sistema informático de axuda á decisión xa implementado na fábrica de pensos de Feiraco permitirá á cooperativa unha mellor xestión dos clientes, ao informar de roturas de stocks con antelación a que estas se produzan, co que o cliente poderá despreocuparse do estado das provisións e da súa maior ou menor existencia. De xeito parello ao desenvolvemento destas novas solucións informáticas, os responsables deste proxecto de investigación actuaron no eido da xestión de rutas de distribución do penso. Así, deseñouse unha ferramenta capaz de minimizar os custes de distribución na que se integran diversos parámetros, tales como son o adecuado servizo aos clientes, a a redución dos quilómetros percorridos pola flota de camións de reparto ou, entre outros, a maximización da súa ocupación. A harmonización de todos estes parámetros fíxose tendo en conta a capacidade produtiva da fábrica empregada como planta piloto e no marco do complexo proceso de recollida de leite nas explotacións dos socios da cooperativa Feiraco. O coordinador deste proxecto, o investigador da Escola Politécnica Superior Carlos Amiama Ares, quen vén de manter estes días unha reunión de seguimento do mesmo con responsables da cooperativa Feiraco e da súa fábrica de pensos, adiantou que outra das liñas deste proxecto, que rematará o vindeiro mes de xullo, contempla actuacións nas liñas de reparto. Así, está previsto instalar un sistema que mellore a trazabilidade da distribución mediante o emprego de sistemas de posicionamento e localización que interactuarán cos datos proporcionados polo SAD. Amiama amósase convencido da posterior difusión dos resultados deste proxecto e da súa posible xeneralización no sector. Daquela, este investigador sinala que se ben a fábrica de penso Feiraco serviu de planta piloto para o desenvolvemento e posta en marcha das novas aplicacións, o carácter transversal dos resultados garante a súa difusión ás restantes fábricas de penso a través da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), que é outro dos participantes neste proxecto.