Skip to main content
STG

O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC congrega en Compostela a compañías de Estados Unidos, Porto Rico, Lituania e Bélxica

O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC congrega en Compostela a compañías de Estados Unidos, Porto Rico, Lituania e Bélxica
O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC congrega en Compostela a compañías de Estados Unidos, Porto Rico, Lituania e Bélxica
O programa deste festival comeza este luns 17 ás 21.00 horas no Salón Teatro

A vixésima edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC celebrarase entre este luns 17 e o sábado 22, no Salón Teatro de Compostela con entrada gratuíta previo paso polo despacho de entradas. Están programadas un total de seis representacións a cargo de agrupacións teatrais de Estados Unidos, Porto Rico, Bélxica Lituania e da propia USC. Todas as montaxes formulan propostas escénicas diversas, dende o teatro máis físico da agrupación lituana á proposta musical de Porto Rico ou a mestura entre o teatro, a imaxe e o recital proposto pola compañia nortamericana, segundo explicou o director da Aula de Teatro da Universidade de Santiago, Roberto Salgueiro, na presentación do festival, xunto ao director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro. Ambos mostraron a súa satisfacción porque a pesar do contexto económico actual o festival poida manter a súa presenza na oferta escénica, o que o converte no único festival internacional deste perfil existente en toda España. A programación abriraa a Compañía de Teatro da Aula de Teatro da USC coa representación o luns 17 e o martes 18 do seu traballo ‘Apnea (Variación 2ª)’, unha peza en galego de aproximadamente 47 minutos de duración. A compañía profesional CORE Theatre Ensemble, residente na Old Dominion University, tomará o relevo o mércores 19 representando ‘The poe [N., Proj-ekt]’, de 50 minutos de duración e en inglés. A compañía Teatro Rodante do Departamento de Drama da Universidade de Porto Rico porá na escena o xoves 20 do musical ‘Platero y yo’, a partir do texto de Juan Ramón Jiménez, nunha proposta de aproximadamente 60 minutos. O programa proseguirá o venres 21 da man de Dramos Trupé Minimun, da Vilniaus Universiteto Treatras de Lituania, que executará ‘Circus’ de Juozas Grušas. Esta vixésima edición do Festival Internacional de Teatro Universitario botará o pano logo da exhibición de ‘Le dernier Godot (The last Godot)’, unha proposta de Théâtre Universitaire Royal de Liège (Bélxica) a partir do texto de Matéi Visniec, unha das compañías universitarias máis antigas de Europa. Todas as representacións desenvolveranse no Salón Teatro ás 21.00 horas.

The contents of this page were updated on 02.17.2014.