Pasar al contenido principal
STG

BOUSC 2 | Año II | 3 de Febrero de 2026

I. Disposicións xerais

Acordo 15/CG de 30 de xaneiro de 2026 polo que se aproba a modificación do Regulamento de Réxime Interno da Escola Técnica Superior de Enxeñaría

Na reunión de Xunta de Escola do día 18 de decembro de 2025 acordouse aprobar as seguintes modificacións do Regulamento de Réxime Interno da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Os cambios veñen derivados principalmente polo novo Regulamento de Mobilidade da USC aprobado en Consello de Goberno de 23 de xullo de 2025 que contemplaba a posible creación dunha Comisión de Internacionalización do Centro. Asemade aproveitouse para engadir pequenas modificacións na regulación da representación do estudantado a proposta dos seus membros. Finalmente se modificou o sistema de elección das comisións establecendo un procedemento non so para as comisións delegadas como figuraba na versión anterior senón tamén para o resto das comisións que contempla o regulamento.

En consecuencia, O Consello de Goberno, na súa reunión do 30 de xaneiro de 2026, acordou ratificar a modificación do Regulamento de Réxime Interno da Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

Artigo 1. Modificación do artigo 9 do Regulamento de Réxime Interno da Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

O artigo 9 do Regulamento queda redactado do seguinte xeito

Artigo 9.

A Dirección é o órgano unipersoal de dirección executiva e de xestión do Centro. Representa á Escola, preside os seus órganos colexiados, agás a Representación do estudantado, e executa os acordos destes.

Artigo 2. Modificación do artigo 10, apartado b), do Regulamento de Réxime Interno da Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

O artigo 10, apartado b, do Regulamento queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 10.

b). A presidencia das reunións da Xunta de Escola e de calquera outro órgano colexiado dela, agás a Representación do Estudantado, así como a execución dos seus acordos.

Artigo 3. Renumeración dos artigos a partir do número 22 ao engadir como novo artigo 22 a Comisión de Internacionalización do Centro (CIC).

Artigo 4. Modificación do artigo 27 do Regulamento de Réxime Interno da Escola Técnica Superior de Enxeñaría

O artigo 27 do Regulamento queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 27.

Representación do estudantado

A Representación do Estudantado é o órgano colexiado de coordinación das labores de representación estudiantil na Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

1. O estudantado de grao elixirá dous voceiros (delegada/o e subdelegada/o de curso) por curso en cada unha das titulacións de grao impartidas no Centro. Para as titulacións de máster o seu estudantado elixirán como mínimo un delegado/a.

2. Representación do Estudantado estará formada exclusivamente polos/as representantes do estudantado da Escola en órganos colexiados.

3.Competencias:

a) Elixir, entre os seus membros, unha Presidencia e unha Secretaría.

b) Elaborar un Regulamento, que deberá ser aprobado por maioría absoluta dos seus membros e ratificado pola Xunta de Escola.

c) Propoñer, coordinar e programar actividades de carácter xeral do estudantado da Escola. As actividades poden ser propostas por iniciativa da Representación ou dalgún membro da Escola.

d) Canalizar as peticións, iniciativas e suxestións do estudantado verbo de distintos aspectos do funcionamento do Centro, que poderán ser presentadas polos representantes legais do estudantado aos órganos competentes.

e) Calquera outra función que lle asigne o seu Regulamento e que non supoña unha intromisión nas competencias dos representantes legais do estudantado

Artigo 5. Engadido na disposición derradeira

Engádese na disposición derradeira:

A modificación do presente Regulamento entrará en vigor coa súa publicación no BOUSC.

Artigo 6. Modificación do Anexo e eliminación do mesmo do Sistema de Elección

O Anexo queda redactado do seguinte xeito:

Anexo

Normas xerais para a elección de comisións da ETSE

Todas/os as/os representantes nas Comisións delegadas deben ser membros da Xunta de Escola e a elección farana para cada sector os respectivos membros na Xunta de Escola e para o resto das comisións votarán todos os membros da Xunta de Escola.

Para todos os sectores elixiranse os membros máis votados.

Os empates resolveranse aplicando sucesivamente os criterios de maior categoría profesional, maior antigüidade na categoría e idade.