Pasar al contenido principal
STG

BOUSC 2 | Año II | 3 de Febrero de 2026

IV. Outra información de interese para a comunidade universitaria

Resolución da xerencia da Universidade de Santiago de Compostela, do 16 de xaneiro de 2026, pola que se establece e aproba o plan secuencial de incorporación de remanentes de crédito derivados do exercicio 2025

De acordo co principio de especialidade temporal dos créditos en materia orzamentaria, con carácter xeral e salvo as excepcións contidas na normativa económico-financeira vixente, no estado de gastos de cada orzamento só poderán contraerse obrigas referidas a actuacións ou prestacións que se realicen no propio exercicio, resultando anulados de pleno dereito aqueles créditos que no derradeiro día do mesmo non estean afectados ao cumprimento de obrigas xa recoñecidas.

Porén, a dita normativa económico- financeira permite á incorporación de créditos ao orzamento tal e como se deduce da regulación homoxénea establecida polos artigos 58 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, Xeral Orzamentaria; artigo 71 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, no ámbito da regulamentación propia, o artigo 33 do Regulamento de xestión orzamentaria da USC do 29 de decembro de 2020 (en diante, Regulamento).

Así mesmo, na incorporación de créditos efectuada dende a entrada en vigor da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) veu realizando diversos axustes, co fin de se adaptar ao previsto nesta norma.

A USC debe manter o equilibrio orzamentario, evitando incorrer nunha situación de déficit orzamentario, axustando o gasto en función dos ingresos.

Neste ano 2026 son de aplicación as regras fiscais que limitan o gasto e os resultados nas Administracións Públicas, estando fixada a taxa de referencia para o ano 2026 no 3,5%.

Por outra banda, a Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, establece mecanismos para evitar ou restituír as situacións diferentes da propia estabilidade orzamentaria ou sustentabilidade financeira. Para determinar ambas situacións empréganse criterios de contabilidade nacional, que non diferencian para eses efectos os créditos afectados dos non afectados. Entre os primeiros sitúanse a maior parte dos créditos finalistas empregados para financiar a actividade investigadora.

As reformas lexislativas no ámbito laboral e a modificación da Lei 14/2011, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, a través da Lei 17/2022 motivaron a creación na USC dos Programas propios de investigación (estruturais, agrupados e específicos) e liñas de investigación que se vinculan aos ditos programas, como un mecanismo que permitira dar resposta ás novas esixencias de xestión.

Ademais do anterior, a Universidade acóllese ao previsto no artigo 101 e seguintes da Lei 37/1992 do Imposto sobre o Valor Engadido, de xeito que opera con sectores diferenciados na dedución do IVE, do cal se deriva que os créditos dun sector non deben empregarse para gastos noutro sector con réximes de dedución de IVE diferentes. O incumprimento deste criterio pode ocasionar sancións económicas para o conxunto da Universidade tras as inspeccións anuais deste imposto.

En aplicación do indicado, resulta preciso delimitar a tramitación do plan secuencial a seguir no proceso de incorporación dos remanentes de crédito e o uso de créditos que se derivan da actividade investigadora e que perderon a condición de afectación a un proxecto ou actividade singular.

Entre os diferentes supostos normativos nos que se permite incorporar crédito prevalecen os dous que se recollen no artigo 33, parágrafo 2º do Regulamento, que se refiren a :

-Partidas de gasto con financiamento afectado, sempre que a súa vixencia se estenda máis alá da fin do exercicio.

-Gastos vinculados a programas propios da USC definidos polos seus órganos de goberno, du rante o período de vixencia para o cal fosen aprobados.

Fóra deses dous casos de aplicación preferente e automática, de acordo co apartado 3º do dito artigo 33 do Regulamento, permítese con certos condicionantes a incorporación potestativa doutros créditos que se financiarán mediante o remanente non afectado da tesouraría, de ser o caso.

As incorporacións de remanentes de crédito susceptibles de seren autorizadas terán validez exclusivamente no exercicio en que se acorde a incorporación, a excepción dos que correspondan a créditos con financiamento afectado ou finalista que se poderán incorporar sucesivamente, en canto persista o dereito á percepción dos ingresos que os financien ou a vixencia da actividade financiada.

En virtude do plan secuencial para a incorporación de remanentes establecido nesta resolución, e seguindo a orde de prelación que nela se aproba, leváranse a cabo as posteriores modificacións orzamentarias referidas a cada un dos créditos que se autoricen, e darase conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social dos expedientes aprobados.

Por conseguinte, no marco da xestión e organización dos servizos económicos atribuída a esta Xerencia de acordo co artigo 50 da Lei Orgánica del Sistema Universitario 2/2023 e o artigo 90 dos Estatutos da USC, sobre a base do disposto nos apartados a) e i) do artigo 10 do Regulamento, pola presente

RESOLVO:

Primeiro. Plan de incorporación de remanentes

Aprobar o Plan secuencial para a incorporación dos remanentes de crédito procedentes do exercicio 2025, de acordo coa orde temporal e de prelación do respectivos expedientes de modificación aos que deran lugar que se indica no anexo I.

Segundo. Codificación das partidas

As partidas con remanente de crédito serán obxecto de incorporación nas partidas equivalentes que correspondan en función da clasificación orgánica, funcional e económica vixente no exercicio 2026.

Terceiro. Contías que se deben incorporar

A contía dos créditos incorporados será, como máximo, equivalente ao crédito dispoñible (entendido como o crédito total menos as obrigas contraídas) na data de finalización do exercicio económico de 2025.

Non procederá a incorporación cando o importe de crédito dispoñible sexa inferior a 200 euros.

Non procederá a incorporación de partidas “Z” agás para financiar reintegros de actividades subvencionadas e para imputar gastos realizados dos proxectos de investigación que resulten inelixibles. En casos excepcionais poderá realizarse unha solicitude para incorporar o importe destas partidas para os gastos derivados da contratación de persoal ou gastos imprescindibles que non poidan ser imputados a ningunha outra partida do orzamento en vigor, previa solicitude debidamente motivada.

Cuarto. Carácter da incorporación de créditos

A incorporación dos créditos mencionados terá carácter provisional ata a finalización das operacións de peche do exercicio 2025. Nese momento comunicáranse con carácter definitivo as partidas e contías dos créditos e realizáranse, de ser o caso, as operacións de axuste que sexan necesarias.

Quinto. Créditos procedentes de actividades de investigación finalizadas

Con carácter xeral, os créditos existentes logo da finalización de actividades de investigación deben destinarse ao financiamento de programas propios de investigación estruturais, específicos ou agrupados.

Para aquelas persoas investigadoras non integradas en programas propios de investigación (estruturais, específicos ou agrupados), poderán incorporarse os créditos ao exercicio 2026, previa solicitude motivada e a súa incorporación realizárase en partidas específicas e diferenciadas das de procedencia (para estes efectos transferiránselle os seus fondos a unha partida “Z”).

En ambos casos eses créditos destinaranse de forma exclusiva ao financiamento dos gastos seguintes:

-Custes derivados da contratación de persoal.

-Gastos que se autoricen para a formación do persoal contratado.

-Gastos de publicacións científicas

-Gastos derivados da asistencia a congresos e reunións científicas en xeral do persoal do pro grama ou grupo de investigación.

A solicitude do IP realizárase a través do seguinte formulario:

https://forms.office.com/e/nxGQEERbBz?origin=lprLink

Tanto os créditos de programas propios como os créditos de partidas “Z” serán empregados de oficio para financiar reintegros de actividades subvencionadas das persoas integrantes dos programas e para imputar gastos realizados durante a vida dos proxectos de investigación que resulten inelixibles.

Sexto. Realización doutros gastos con créditos incorporados de actividades de investigación finalizadas

A realización de gastos diferentes aos contemplados no punto anterior require unha autorización previa da Xerencia da USC.

A solicitude destas autorizacións tramitarase polo IP por medio do formulario indicado no punto quinto desta Resolución.

Sétimo. Calendario

As dotacións dos remanentes incorporaranse en SICUS no momento en que se realice a comunicación por parte do Servizo de Orzamentación e Planificación.

A comunicación definitiva da incorporación de créditos ao exercicio 2026 realizárase antes de finalizar o mes de febreiro.

A solicitude de incorporación de investigadores individuais prevista nos puntos terceiro e quinto deberá realizarse antes do 28 de febreiro de 2026.

Oitavo. Contías dos remanentes e posibilidades de aprazamento

As contías que se incorporarán ao exercicio 2026 para os bloques 1 a 6 corresponderá ao crédito dispoñible afectado a 31 de decembro de 2025. Para o resto dos bloques o importe a incorporar será o que permitan as dispoñibilidades orzamentarias, procurando que exista unha proporcionalidade entre o crédito sen executar a 31/12/2025 e o remanente de tesouraría do exercicio.

Para os bloques 7 a 9 inicialmente só se incorporará o importe do remanente existente cando non supere os 10.000 euros. Para importes superiores, incorporárase un 30% adicional sobre o importe que supere os 10.000 euros.

A incorporación do 70% restante realizarase tras a remisión polo responsable da partida da planificación da necesidade de gasto e a súa aprobación pola xerencia. Esta planificación remitirase mediante correo electrónico a area.economia@usc.gal

No caso das partidas “Z”, en base ao establecido nos puntos anteriores, inicialmente non se incorporará ningún importe.

En aplicación do principio de prudencia, para garantir a dispoñibilidade de crédito, dentro dos límites establecidos polo Regulamento, poderá aprazarse ata o exercicio 2027 a dispoñibilidade de certos créditos, procurando respectar as necesidades dos grupos de investigación para o exercicio 2026.

Noveno. Principio de prudencia

Dado o carácter provisional das cifras que se incorporen, os responsables dos créditos e as unidades de gasto terán a cautela de imputar unicamente aqueles compromisos de crédito que non se poidan adiar ata a comunicación definitiva dos remanentes.

Décimo. Habilitación a Área de Economía

Facúltase a Directora da Área de Economía para coordinar as comunicacións de incorporacións de remanentes e a resolución de dúbidas, a través das instrucións operativas que sexan precisas.

Undécimo. Entrada en vigor.

A presente resolución entrará en vigor o día da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026

O xerente,

Antonio Javier Ferreira Fernández

Anexo

Tipoloxía dos créditos

Bloque

Tipoloxía das partidas

Partidas específicas

Partidas de gasto con financiamento externo condicionado

1

Concepto económico 2* e 4*

Partidas de gasto con financiamento externo condicionado e continúan

vixentes en 2026

2

Concepto económico 641,

644, 647

Partidas de gasto con financiamento

externo condicionado e continúan vixentes en 2026

3

Concepto económico 640 (programas de

incorporación de recursos humanos)

Programas de incorporación de recursos humanos que continúen vixentes en 2026

4

Concepto económico 628

Fondos para a adquisición de infraestruturas de investigación,

vixentes en 2026

5

Concepto económico 642

Créditos con entidades externas, convenios e de actividades de prestación de servizos de I+D que financien actividades vixentes no

exercicio 2026.

6

Concepto económico 62 e 63

Axudas e convenios para a realización de infraestruturas non investigación

vixentes en 2026

Actividades singulares de I+D finalizadas, de persoas investigadoras integradas en

programas propios

7

Conceptos económicos 641,

642, 643, 644 ou 647

Créditos procedentes de financiamentos afectados, de actividades que finalizaron a

31/12/2025

Actividades singulares de I+D finalizadas, de persoas investigadoras non integradas en programas

8

Conceptos económicos 641,

642, 643 , 644 ou 647

Créditos procedentes de financiamentos afectados, de actividades que finalizaron a 31/12/2025. Integración en partidas tipo “Z” previa solicitude e

autorización.

Resto de partidas con cargo ao remanente xenérico de tesouraría

9

Calquera concepto económico

Créditos regulados no artigo 33.3 do Regulamento, na medida en que existan compromisos pendentes e sexa

posible a súa incorporación