Acordo do 28 de novembro de 2025, do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela polo que se aproba a modificación do Acordo do Consello de Goberno do 28 de febreiro de 2019, sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial
O Consello de Goberno, na súa reunión do 28 de febreiro de 2019, aprobou o Acordo sobre a esixencia de nivel de coñecemento lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial para os alumnos estranxeiros de países con lingua oficial distinta do castelán para cursar estudos oficiais de grao, máster e doutoramento, que foi posteriormente modificado polo Acordo de Consello de Goberno de 28 de maio de 2025.
O Acordo establece os niveis de coñecemento esixibles para ambos idiomas, así como a forma de acreditalos. Concretamente, o Acordo dispón que:
«1.1.- O alumnado deberá acreditar coñecementos de lingua española mediante un título de nivel B1 ou superior expedido polo Instituto Cervantes, agás para o grao en Lingua e Literatura Españolas, para o que se deberá acreditar un nivel B2 ou superior.
Para o caso do galego, a acreditación deberá realizarse mediante un título de Celga II, conforme á Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.»
O aumento significativo de estudantes estranxeiros de países con lingua oficial distinta do castelán e o portugués aconsella ampliar as formas nas que se pode acreditar o nivel de coñecemento da lingua española, en beneficio do propio estudantado.
Ademais, a Resolución reitoral do 5 de febreiro de 2025 pola que se desenvolve o Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, de 24 de xullo de 2024, en materia de recoñecemento de actividades e polo que se publica o catálogo de actividades susceptibles de recoñecemento e a súa equivalencia en créditos establece no Apartado III do Anexo II, as formas nas que se pode acreditar o nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira, admitindo acreditacións documentais expedidas por Universidades e Centros que tamén realizan a acreditación de niveis de coñecemento de lingua española.
Por todo o anterior, o Consello de Goberno, na súa sesión do 28 de novembro de 2025,
ACORDA
PRIMEIRO.
Modificar a aliña 1.1 do Acordo do Consello de Goberno do 28 de febreiro de 2019, sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial, que queda redactada como segue:
1.1.- O alumnado deberá acreditar coñecementos de lingua española de nivel B1 ou superior, agás para o grao en Lingua e Literatura Españolas, para o que se deberá acreditar un nivel B2 ou superior.
O nivel de coñecemento da lingua española xustificarase mediante a acreditación documental de superación dos niveis nos que consten as destrezas de comprensión e expresión oral e escritas ligadas ao nivel de competencia referido ao MECRL, expedida por outras universidades públicas españolas e universidades do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), escolas oficiais de idiomas (EOI), centros lingüísticos oficiais e organismos recoñecidos polas comisións lingüísticas da Conferencia de reitores das universidades españolas (CRUE) e da Asociación de centros de linguas das Universidades españolas (ACLES). No caso de que a certificación acredite diferentes niveis, acreditarase o nivel mínimo establecido nas destrezas, con independencia do nivel global que conste no documento.
Para o caso do galego, a acreditación deberá realizarse mediante un título de Celga II, conforme á Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
DISPOSICIÓN FINAL.
O presente Acordo entrará en vigor na data da súa publicación no Taboleiro Electrónico Oficial da USC e será aplicable desde o curso 2025-2026.
Publicado no taboleiro electrónico da USC con data do 03-12-2025 https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/anuncio/136848/carga.htm CSV: 0F0A-C6F2-423E-A923