Pasar al contenido principal
STG

BOUSC 1 | Año II | 23 de Enero de 2026

I. Disposicións xerais

Acordo do 28 de novembro de 2025, do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela polo que se aproba a modificación do Anexo II do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC

A Universidade de Santiago de Compostela forma parte de diferentes entidades e organizacións de carácter interuniversitario, tanto de ámbito estatal como internacional, que teñen como finalidade a cooperación para o desenvolvemento conxunto de actividades docentes, investigadoras e de transferencia do coñecemento.

Entre elas ocupan un lugar destacado CLARIAN e DARIAH, dúas infraestruturas de investigación de ámbito europeo ás que o Estado Español se adheriu a partir da constitución dun grupo inicial, formado pola Universidad del País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea, a Universitat d’Alacant, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidad Nacional de Educación a Distancia, a Universidad Complutense de Madrid, o Barcelona Supercomputing Centre - Centro Nacional de Supercomputación, a Universidad de Jaén, a Universidad de las Palmas de Gran Canaria, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas e a Biblioteca Nacional de España. Estas institucións asinaron o 8 de agosto de 2023 un protocolo xeral de actuación para a articulación dos nodos españois das Infraestruturas de Investigación Europeas Common Language Resources and Technology Infrastructure (CLARIN ERIC) e Digital Research Infrastructure for the Arts and Humanities (DARIAH ERIC), que se agrupan baixo a denominación de CLARIAH. A estas institucións engadiríanse posteriormente o Centro de Supercomputación de Castilla y León e a Fundación Dialnet.

De acordo co protocolo asinado, correspóndelle á Universidade de Santiago de Compostela asumir as funcións de coordinación do nodo galego desta infraestrutura, polo que se fai preciso designar formalmente unha persoa encargada desta función.

O Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC, aprobado polo Consello de Goberno o 28 de maio de 2019, recolle no seu anexo II a relación de Responsables Académicos. Dado que a mencionada responsabilidade non figura neste anexo, procede incluír esta actividade dentro do catálogo de responsables académicos, cun recoñecemento horario de 120 horas e sen retribución económica, debendo proceder para estes efectos á modificación do anexo do citado regulamento.

É por isto que o Consello de Goberno, na súa sesión do día 28 de novembro de 2025, acorda: Único.

Modificar o Anexo II do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribucións de cargos e responsables académicos na USC, conforme a táboa que se engade como anexo a este acordo.

Disposición derradeira.

Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

Anexo

RESPONSABLE ACADÉMICO

REDUCIÓN DOCENTE

CÓDIGO COMPLEMENTO

OBSERVACIÓNS

HORAS/CURSO

Coordinador/a do nodo galego CLARIAH

120

---

Publicado no taboleiro electrónico da USC con data do 3/12/2025 https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/anuncio/136849/carga.htm CSV: B4A2-5092-4C3A-A273