Acordo do 28 de novembro de 2025, do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela polo que se aproba a modificación do Regulamento de Planificación Académica
Incorpórase a data do Consello de Goberno que aproba estas modificacións:
Onde dí:
Aprobado polo Consello de Goberno o día 20 de decembro de 2019 e modificado nas reunións de Consello de Goberno do 19 de xuño de 2020, 24 de xullo de 2020, 23 de febreiro de 2023, 23 de novembro de 2023, 25 de novembro de 2024 e 30 de abril de 2025.
Debe dicir:
Aprobado polo Consello de Goberno o día 20 de decembro de 2019 e modificado nas reunións de Consello de Goberno do 19 de xuño de 2020, 24 de xullo de 2020, 23 de febreiro de 2023, 23 de novembro de 2023, 25 de novembro de 2024, 30 de abril de 2025 e 28 de novembro de 2025.
Artigo 10. Reducións da capacidade lectiva das áreas de coñecemento
Eliminar o apartado 5, relativo á redución por coordinación de área, por tratarse dunha responsabilidade académica xa contemplada no apartado 1 deste mesmo artigo.
Artigo 11. Encargo lectivo dunha área de coñecemento
Modifícase a redacción do artigo, retirando a palabra “clínica”
Onde di:
O encargo lectivo dunha área de coñecemento é a suma das horas de docencia expositiva, interactiva e clínica das materias de grao e mestrado que ten asignadas nun curso académico.
Debe dicir:
O encargo lectivo dunha área de coñecemento é a suma das horas de docencia expositiva e interactiva das materias de grao e mestrado que ten asignadas nun curso académico.
Artigo 28. Modificación do Plan de Organización Docente
Modifícase a redacción do apartado 5.
Onde di:
5. Cando, iniciado o curso académico, se produza a incorporación dun profesor/a, as súas obrigas docentes deberán ser proporcionais ao período de tempo que reste para finalizar o curso.
Debe dicir:
5. Cando, iniciado o curso académico, se produza a incorporación dun profesor/a, as súas obrigas docentes deberán ser proporcionais ao período de tempo que reste para finalizar o curso, agás que en casos excepcionais o encargo docente realizado polo departamento se separe dese criterio. Neste caso, o departamento deberá xustificalo ante a vicerreitoría con competencias en organización académica, que resolverá oído o/a profesor/a implicado/a.
Engadir a Disposición final quinta:
Disposición final quinta. Efectos. Entrada en vigor.
A modificación do Regulamento aprobado polo Consello de Goberno do 28 de novembro de 2025 entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico da USC e surtirá efectos na planificación do curso académico 2026/2027 e seguintes.
Modificacións do ANEXO I. Recoñecemento de actividades docentes, investigadoras e de xestión como horas docentes equivalentes
I. RECOÑECEMENTO DA ACTIVIDADE DOCENTE
Modifícase a redacción dos apartado 1.c , 1.d e 1.ñ e do apartado 2.
1. Darán lugar ao recoñecemento de horas docentes equivalentes as seguintes actividades docentes:
Onde di:
c) Coordinador/a de prácticas de grao (só no caso de que o responsable non sexa membro do equipo de dirección do centro e sempre que o grao conte cun número de estudantes superior ao que se estipula para a división en grupos de créditos prácticos ECTS): 20 HDE. Nomearase un único coordinador por centro, agás naqueles en que se impartan titulacións cun alto número de estudantes en prácticas, en cuxo caso se valorará a necesidade de incrementar o recoñecemento ou de conceder un coordinador/a por cada titulación.
Debe dicir:
c) Coordinador/a de prácticas de grao (só no caso de que o responsable non sexa membro do equipo de dirección do centro e sempre que o grao conte cun mínimo de 10 estudantes nestas prácticas): 20 HDE. Nomearase un único coordinador por centro, agás naqueles en que se impartan titulacións cun alto número de estudantes en prácticas, en cuxo caso se valorará a necesidade de incrementar o recoñecemento ou de conceder un coordinador/a por cada titulación.
Onde di:
d) Coordinador/a de prácticas de mestrado (só no caso de que non sexa o coordinador do título nin forme parte do equipo de dirección do centro sempre que o mestrado conte cun número de estudantes superior ao que se estipula para a división en grupos de créditos prácticos ECTS): 10 HDE.
Debe dicir:
d) Coordinador/a de prácticas de mestrado (só no caso de que non sexa o coordinador do título nin forme parte do equipo de dirección do centro e sempre que o mestrado conte cun mínimo de 5 estudantes nestas prácticas): 10 HDE.
Onde di:
ñ) Recoñecemento da docencia en galego: recoñeceranse 0,2 HDE por cada hora lectiva impartida en galego. Deberá impartirse na dita lingua polo menos un grupo completo de cada tipo de docencia.
Debe dicir:
ñ) Recoñecemento da docencia en galego: recoñeceranse 0,2 HDE por cada hora lectiva impartida en galego.
2. Recoñecemento dun maior esforzo docente
Onde di:
Aplicaranse os seguintes factores correctores ás horas de docencia expositiva de cada materia, en función do número de estudantes matriculados no curso anterior (o número de estudantes repetidores non poderá exceder do 20% dos estudantes de nova matrícula):
Debe dicir:
Aplicaranse os seguintes factores correctores ás horas de docencia expositiva impartida polo profesor/a, en función do número de estudantes matriculados no curso anterior (estudantes novos máis o 20% dos repetidores):
II. RECOÑECEMENTO DA ACTIVIDADE INVESTIGADORA
Modifícase o apartado vi)
Onde di:
vi. Proxecto internacional con participación da USC como socio (Interreg, Erasmus+): 80 HDE.
Debe dicir:
vi. Proxecto internacional con participación da USC como socio (Interreg, COSTAction, Erasmus+): 80 HDE.
III. RECOÑECEMENTO DE ACTIVIDADES DE XESTIÓN
Antes do apartado a)
Incorporar:
Darán lugar ao recoñecemento de horas docentes equivalentes as seguintes actividades de xestión:
Incorporar o seguinte recoñecemento:
k) Coordinación da Unidade de Investigación e Intervención en Dislexia: 10 HDE.
Publicado no taboleiro electrónico da USC con data do 3-12-2025
https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/anuncio/136844/carga.htm
CSV: 07C4-0884-4B9F-BD7C