Pasar al contenido principal
STG

BOUSC 1 | Año II | 23 de Enero de 2026

I. Disposicións xerais

Acordo do 28 de novembro de 2025, do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela polo que se aproba a modificación do Regulamento de TFG do Grao en Ciencia Política e da Administración

O propósito desta reforma é, en primeiro lugar, permitir a defensa do TFG por parte do alumnado coas prácticas obrigatorias sen rematar, en coherencia coa última reforma do regulamento xeral da USC. En segundo lugar, realizáronse unha serie de adaptacións e correccións de carácter menor, que están detalladas a continuación. Por último, elimináronse do regulamento os aspectos máis detallados de carácter académico (artigos 11 e 18) por considerar que o propio era recollelos na guía docente.

Artigo 6. Matrícula e réxime de convocatorias

Versión anterior:

A matrícula rexerase pola convocatoria de cada curso académico polo que respecta a requisitos, prazos e demais circunstancias. Para poder formalizar a matrícula do TFG o alumnado poderá ter pendentes como máximo 75 créditos para completar os estudos, excluídos os correspondentes ao TFG.

A matrícula dará dereito á entrega e defensa do traballo en dúas oportunidades en calquera das previstas no curso no que estea matriculado e reportará os prezos públicos establecidos, sempre que cumpra os requisitos para a súa avaliación. O número máximo de convocatorias que poderá esgotar o alumno/a será de catro, e poderá contar con dúas oportunidades por curso académico. A obtención de non presentado computarase para os efectos de consumir a convocatoria. Para poder presentarse a unha nova convocatoria será necesaria a formalización de nova matrícula.

Unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos aboados no caso de non presentarse. No suposto de que o alumno/a non reúna os requisitos para presentar o traballo por ter materias pendentes, considerarase unha renuncia automática, polo que non se computará para os efectos de esgotar convocatoria.

Nova versión:

A matrícula dos traballos realizarase dentro do prazo xeral de matrícula que estableza a Universidade para cada curso académico. A matrícula dará dereito á entrega e defensa do traballo en dúas oportunidades en calquera das previstas no curso no que estea matriculado, sempre que cumpra os requisitos para a súa avaliación.

Os TFG depositados só poderán ser defendidos e avaliados unha vez que se teña constancia de que o alumno/a superou todos os créditos necesarios para a obtención do título de grao, salvo os correspondentes a prácticas académicas externas matriculadas no mesmo curso académico.

A Unidade de xestión do Centro deberá verificar que se cumpran estes requisitos para autorizar a defensa dos TFG. Para estes efectos, se na data de defensa aínda non se recibiron todas as actas de avaliación das materias, solicitarase información ao profesorado responsable sobre as cualificacións do alumnado que vaia defender os traballos nesa oportunidade.

Artigo 11. Requisitos mínimos

Versión anterior

• A elaboración e defensa do traballo poderanse efectuar en calquera das linguas que se utilizan na impartición do grao. A extensión recomendada do traballo é de entre 50 e 70 páxinas, non incluídos nelas a portada, os índices, a bibliografía nin os Anexos.

• Todos os TFGs deberán incluír, segundo os contidos correspondentes, os seguintes apartados:

• Portada.

• Índice xeral, co título de cada unidade de contido e o número da páxina na que se atopa o título.

• Índice de táboas / cadros, co título de cada táboa / cadro e o número da páxina na que se atopa a táboa / cadro.

• Índice de gráficos / figuras, co título de cada gráfico / figura e o número da páxina na que se atopa o gráfico / figura.

• Listaxe de acrónimos / abreviaturas.

• Introdución. Neste apartado, xustificarase e presentarase a investigación. Aportaranse argumentos sobre a pertinencia teórica, empírica ou práctica do tema elixido; se contextualiza o traballo no contexto cognitivo da disciplina correspondente; estableceranse os obxectivos da investigación; formularanse as preguntas ás que se trata de responder coa investigación emprendida; e anticiparase o a estrutura do traballo e a secuencia de pasos da exposición subseguinte.

• Revisión bibliográfica (excepto aqueles TFGs cuxo formato sexa o dunha revisión bibliográfica).

• Apartados correspondentes á modalidade de TFG elixido (segundo propostas contidas na guía docente correspondente).

• Conclusións.

• Bibliografía, ordenada, ben alfabeticamente, ben de acordo con algún criterio relevante. Cando se considere que aclara a localización das fontes, é posible dividila en subapartados. Igualmente, é posible diferenciar as fontes electrónicas das fontes en papel, recollendo as primeiras nunha Webgrafía.

• Anexos / Apéndices. Neles inclúense, no seu caso, os Anexos que recollen os documentos legais consultados, que non son parte da bibliografía.

Nova versión

A elaboración e defensa do traballo poderanse efectuar en calquera das linguas que se utilizan na impartición do grao.

Na portada deben figurar o nome do autor/a, o nome da persoa que titoriza e o título en galego, castelán e inglés.

O resto de contidos e características técnicas (extensión, índices, estrutura, bibliografía, formato das citas, anexos...) especificaranse na guía docente da materia.

Artigo 13. Requisitos de avaliación

Versión anterior (art. 14)

Os TFG só poderán ser avaliados unha vez que se teña constancia de que o/a estudante superou todas as materias restantes do plan de estudos e dispón de todos os créditos necesarios para a obtención do título de Grao, agás os correspondentes aos propios traballos. O Centro deberá verificar que se cumpren estes requisitos para autorizar a súa defensa. Para estes efectos, no caso de que na data de defensa aínda non se recepcionaran todas as actas de avaliación das materias, o secretario/a da Facultade solicitaralle ao profesorado encargado das materias que informe sobre as cualificacións do alumnado que vaia defender os traballos na mesma convocatoria. Estes informes teranse en conta no momento de cualificación dos traballos.

No caso de que algún ou algunha estudante defenda o TFG sen cumprir este requisito, esta avaliación non producirá efectos, sendo un acto nulo.

Nova versión (A partir do artigo 11 renumérase o articulado, pasando o artigo 13 a ser o artigo 12)

Os TFG só poderán ser avaliados unha vez que se teña constancia de que o/a estudante superou todas as materias restantes do plan de estudos e dispón de todos os créditos necesarios para a obtención do título de Grao, agás os correspondentes aos propios traballos e ás prácticas obrigatorias.

O centro deberá verificar que se cumpran estes requisitos para autorizar a súa defensa, poñéndose en contacto, de ser o caso, co profesorado das materias pendentes de cualificar das que o alumno estea matriculado.

No caso de que algún ou algunha estudante defenda o TFG sen cumprir este requisito, esta avaliación non producirá efectos, sendo un acto nulo.

Artigo 14. Solicitude de avaliación e depósito do TFG (cambio no parágrafo 1)

Versión anterior (art.15)

Dentro dos prazos establecidos no punto anterior, os interesados/as en defender o traballo deberán depositalo através da secretaría virtual. Na portada do traballo, ademais do nome do autor/a e do titor/a, debe figurar o título do traballo en galego, castelán e inglés. (...)

Nova versión

Dentro dos prazos establecidos no punto anterior, os interesados/as en defender o traballo deberán depositalo a través da secretaría virtual en formato dixital. Na portada do traballo, ademais do nome do autor/a e do titor/a, debe figurar o título do traballo en galego, castelán e inglés. Non é preciso depositar exemplares impresos. O profesorado dos tribunais poderá solicitar copias impresas ao centro. (...)

Artigo 16. Tribunais de avaliación (cambio no parágrafo 1)

Versión anterior (art.17)

Cando a avaliación sexa realizada por un Tribunal este estará formado por tres membros que serán persoal docente e investigador da titulación. Así mesmo, a Comisión de TFG publicará unha listaxe ordenada de suplentes. Procurarase que, cando menos, un dos titulares do tribunal pertenza ao departamento do titor/a. Os titores/as dos traballos avaliados non poderán formar parte dos tribunais. A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada.

Nova versión

Cando a avaliación sexa realizada por un Tribunal este estará formado por tres membros que serán persoal docente e investigador da titulación. Así mesmo, a Comisión de TFG publicará unha listaxe ordenada de suplentes. Procurarase que, cando menos, un dos titulares do tribunal pertenza á área do titor/a. Os titores/as dos traballos avaliados non poderán formar parte dos tribunais. A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada.

Artigo 18. Aspectos de avaliación

Versión anterior (art. 19)

A avaliación da aprendizaxe terá como criterio fundamental o nivel de adquisición integrado das competencias propias do Grado reflectidas polo traballo elaborado e defendido polo alumno. Os tribunais (ou o titor, en caso de defender ante titor) estabelecerán os criterios de avaliación en función dos seguintes elementos:

Proceso de traballo: Valorarase o progreso do estudante durante a elaboración do Traballo de Fin de Grao. No caso de defensa perante un tribunal, este aterase á valoración realizada no apartado correspondente do informe emitido polo titor. O resto dos apartados do informe do titor/a teranse en conta polos membros do tribunal ao cualificar o TFG de acordo coa ponderación establecida nos puntos seguintes.

Calidade da investigación: Valorarase a calidade final do TFG e a manifestación nel das competencias dun aspirante a graduado/a en ciencia política e da administración. Concretamente, valoraranse, segundo proceda de acordo coa modalidade do TFG elixida, a xustificación do TFG (incluída a revisión bibliográfica realizada), a teorización, o deseño da investigación, o rigor metodolóxico, a recolleita de datos, a análise de datos, a presentación dos resultados, os achados obtidos e a disposición estrutural dos contidos.

Presentación escrita: Valoraranse a adecuación aos requisitos de formato, o adecuado uso da linguaxe técnica da disciplina e a corrección léxica, gramatical e ortográfica.

Defensa pública: Valoraranse as competencias de comunicación oral e de debate do estudante.

Nova versión

A avaliación da aprendizaxe terá como criterio fundamental o nivel de adquisición integrado das competencias propias do Grado reflectidas polo traballo elaborado e defendido polo alumno. Os tribunais (ou o titor, en caso de defender ante titor) estabelecerán os criterios de avaliación en función dos seguintes elementos: proceso de traballo, calidade da investigación, presentación escrita e defensa pública.

Artigo 19. Publicación e revisión das cualificacións (Cambio no parágrafo 1)

Versión anterior (art. 20)

Publicarase a cualificación nos taboleiros do centro, a ser posible, no mesmo día da lectura do traballo. (...)

Nova versión

Publicarase a cualificación o mesmo día da lectura do traballo, no formato que se fixe na convocatoria, con atención aos criterios fixados na normativa de protección de datos. (...)

Artigo 20. Dereitos e deberes do alumnado. Publicación dos traballos. (Cambio no parágrafo 6)

Versión anterior (art. 21)

(...) A Comisión de TFG poderá propoñer a publicación dos TFG que destaquen pola súa calidade no repositorio institucional da USC (Minerva), e en especial propoñeranse os dos/as alumnos/as que acaden a mención de matrícula de honra nesta materia. Os/as autores/as dos traballos propostos, asinarán o correspondente documento para autorizar a súa difusión no que declaren que se trata dun traballo orixinal.

Nova versión

(...) Publicaranse no repositorio institucional da USC (Minerva) todos os traballos cualificados cun 9 ou nota superior cuxo autor o autorizase, sen prexuízo de que a Comisión de TFG decida enviar TFGs con outra cualificación.

Publicado no taboleiro electrónico da USC con data do 28 de novembro de 2025 https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/anuncio/136852/carga.htm CSV: 4664-8DD3-474D-9DBA