Acordo do Consello de Goberno do 28 de novembro de 2025 polo que se modifica o Regulamento de Estudos Propios da Universidade de Santiago de Compostela
A Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario inclúe as microcredenciais universitarias como parte dos ensinos que poden impartir as universidades na modalidade de formación ao longo da vida, debendo cada universidade regular a formación permanente nunha normativa específica, segundo o mandato do artigo 37.8 do Real Decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización dos ensinos universitarios e do procedemento de aseguramento da súa calidade.
En cumprimento desta obriga, a Universidade de Santiago de Compostela aprobou o 30 de marzo de 2023 o Regulamento do Estudios Propios co obxecto de regular o deseño, funcionamento e organización dos estudos propios da USC, nos que se integran as microcredenciais universitarias. No art. 32 deste Regulamento prevese a posibilidade de que o estudantado que teña superado un ou varios cursos propios que constitúan, á súa vez, un ou varios módulos dun curso superior, poida solicitar o recoñecemento da totalidade destes para matricularse dos créditos restantes no curso superior.
Porén, o Regulamento non conta cunha regulación específica sobre itinerarios formativos modulares que permitan a creación de itinerarios educativos personalizados. Este tipo de itinerarios considéranse imprescindibles á vista das actuais recomendacións da Unión Europea, recollidas no Plan de acción para o desenvolvemento das microcredenciais universitarias en España do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (Plan Microcreds), que sinalan a importancia do deseño de microformacións que poidan ser acumuladas e combinadas en credenciais más amplas, particularmente no caso de formacións dirixidas ao estudantado adulto.
Coa reforma proposta permítese ao estudantado elaborar os seus propios itinerarios formativos, mediante un modelo baseado nunha planificación de rutas, que atenden a criterios claros nos que se determinan que combinacións se poden sumar a un certificado ou título de nivel superior e o límite máximo de recoñecemento baixo a denominación “itinerarios formativos modulares”.
Por todo o anterior o Consello de Goberno acorda engadir un novo art. 32 bis no
Regulamento de estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela.
Único. Engádese un art. 32 bis ao Regulamento de estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela, coa seguinte redacción:
Artigo 32 bis. Itinerarios formativos modulares.
As microcredenciais universitarias poderán acumularse con outras da mesma ou distinta natureza que se complementen entre si, co fin de conformar itinerarios formativos modulares que permitan a obtención gradual dun o varios títulos ou certificados de nivel superior dentro do marco dos estudios propios ou formación permanente da Universidade.
Previa solicitude da persoa que asuma a dirección dun itinerario formativo modular, o CEP establecerá os criterios de compatibilidade, coherencia temática e temporalidade que permitan o recoñecemento automático de microcredenciais acumulables, así como o número máximo de créditos ECTS acumulables, garantindo a coherencia académica e administrativa de cada itinerario.
O órgano competente para a aprobación dos itinerarios formativos modulares será o Consello de Goberno, de conformidade co procedemento xeral establecido no art. 19.5 deste Regulamento.
Os itinerarios formativos modulares deberán ser obxecto de publicación, quedando incorporados na memoria académica da titulación ou certificado de destino, identificando expresamente as competencias, a carga lectiva en créditos ECTS e o sistema de avaliación correspondente, de xeito que se poidan efectuar o recoñecemento automático dos créditos asociados a cada microcredencial.
A microcredencial universitaria que forme parte dun itinerario formativo modular debe ser aprobada individualmente, segundo o procedemento establecido para estes efectos, facéndose constar que forma parte dun itinerario formativo modular.
Tras a superación dos distintos módulos que, no seu caso, formen un itinerario emitíranse certificacións intermedias que acrediten a obtención do título de nivel superior que proceda, sen prexuízo de que se expida un título ou certificado independente por cada microcredencial universitaria.
A modificación dunha microcredencial universitaria que forme parte dun itinerario formativo modular non implicará á modificación do itinerario no que se integre, non sendo no caso de perda da súa coherencia académica e administrativa, o que poderá determinar que deixe de ofertarse o dito itinerario.
Para os efectos da tramitación das modificación da microcredencial universitaria estarase ao disposto no art. 20 deste Regulamento.
A proposta da Comisión de Estudos Propios, o Consello de Goberno acordará que deixe de ofertarse o itinerario formativo modular, nos casos en que se estime producida perda de coherencia académica e administrativa.
Se se deixase de ofertar unha microcredencial universitaria que forme parte dun itinerario formativo modular non se producirá a extinción do dito itinerario, non sendo no caso de perda da súa coherencia académica e administrativa.
A proposta da Comisión de Estudos Propios, o Consello de Goberno acordará que deixe de ofertarse o itinerario formativo modular, nos casos en que se estime producida perda de coherencia académica e administrativa.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Este acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.
Publicado no taboleiro electrónico da USC con data do 3/12/2025 https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/anuncio/136842/carga.htm CSV: E6AC-262D-4F1A-807A