Pasar al contenido principal
STG

O violoncellista Thomas Piel e Emmanuelle Janisz, ao piano, dan o 12 un concerto na Casa do Saber en memoria de Paul Tortelier

A actuación, que se enmarca no ciclo Músicas a carón da Mosqueira 2014, inclúe composicións de Debussy, Tortelier e Saint-Saëns, e comezará ás 20.00 horas

O violoncellista Thomas Piel e a pianita Emmanuelle Janisz ofrecerán o luns 12 de maio un concerto na Casa do Saber de Lugo en memoria de Paul Torteliere co gallo da conmemoración do primeiro centenario do nacemento deste compositor e violoncellista francés.

Este concerto, que se encadra no marco da programación musical incluída no ciclo Músicas a carón da Mosqueira 2014, financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, comezará ás 20.00 horas e a entrada será libre e de balde para todo o público interesado. O programa musical que interpretarán Piel e Janisz inclúe pezas de tres compositores franceses, tales como o son Claude Debussy, Paul Tortelier e Camille Saint-Saëns. O violoncellista Thomas Piel, nado en Colonia (Alemaña), é membro da Real Filharmonía de Galicia desde 2001 e forma parte de varios grupos de cámara. Asemade, na actualidade este chelista alemán é profesor de violoncello na Escola de Música Berenguela en Santiago de Compostela. Emmanuelle Janisz, pianista francesa asentada en Galicia desde 2002, comezou os estudos musicais no Conservatorio Nacional de Toulon, a súa cidade natal. Na actualidade, Janisz, quen acompaña en numerosos recitais a Thomas Piel, compaxina o seu traballo como ensinante de piano con actuacións como solista. Tocou en diferentes ocasións coa Real Filharmonía de Galicia e tamén foi pianista acompañante na Escola de Altos Estudos Musicais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.05.2014.