NerdNites pecha o curso cunha sesión adaptada a persoas con diversidade funcional
Unha nova sesión das NerdNites que se celebrará o martes 10 abordará cómo medir a beleza, cómo facer música para xordos e bailes para cegos e se o tempo o permite incluirá unha sesión de observación do firmamento. A cita inclúe as charlas ‘Canto somos de guapos?’da ortodoncista e investigadora da USC Flor Otero e ‘Baile para cegos e música para xordos’ da artista multidisciplinar Ánxela Pardo. Será a partir das 22.00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea e como novidade estará adaptada a persoas con diversidade funcional, todas as charlas contarán con intérprete de linguaxe de signos e a actuación da bailarina Ánxela Pardo está pensada para que os cegos desfruten do baile e os xordos da música. Como peche, a sesión inclúe a observación do firmamento con telescopios e con axuda dos soportes Braille permitirá aos cegos coñecer o aspecto do firmamento. Nesta actividade colaboran o Clube Compostelán de Astronomía ‘Vega’ e o programa ‘Astronomía na beirarrúa’ da USC. Ciencia e diversión Orixinalmente, as NerdNites son unha proposta nacida hai anos en Estados Unidos e á que se sumou Santiago en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo. Articúlase en base a pequenas charlas científicas con contidos chamativos, onde expertos dialogan co público das disciplinas que lles apaixonan fóra do ámbito académico, nun ton distendido e en horario nocturno.