Pasar al contenido principal
STG

O Ránking Times Higher Education 2026 by Subject destaca a USC en once materias

A docencia é un dos ámbitos estudados na clasificación. FOTO: Santi Alvite
A docencia é un dos ámbitos estudados na clasificación. FOTO: Santi Alvite
A clasificación avalía a docencia no relativo á contorna de aprendizaxe, a contorna investigadora, a calidade da investigación, a proxección internacional e os procesos de transferencia

A USC destaca nun total de once materias segundo o THE World University Rankings by Subject 2026. A clasificación elaborada por Times Higher Education (THE) salienta a Universidade de Santiago de Compostela en Dereito (251–300), Artes e Humanidades (chanzo 301–400), Ciencias da Saúde (401–500), Educación (501–600), Psicoloxía (501–600), Ciencias Empresariais e Económicas (posición 601–800), Ciencias da Computación (601–800), Física (601–800), Ciencias Sociais (601–800), Ciencias da Vida (601–800) e Enxeñaría (801–1000). A clasificación avalía a docencia no relativo á contorna de aprendizaxe, a contorna investigadora, a calidade da investigación, a proxección internacional e os procesos de transferencia.

Clasificación global

Ademais desta clasificación por materias, THE publica con carácter anual unha listaxe xeral de universidades que veu a luz o pasado mes de outubro. Nesta versión global do ránking, a Universidade de Santiago de Compostela sitúase no chanzo 601-800 do mundo. A USC, que ocupa o oitavo posto a nivel estatal, destaca especialmente pola calidade da investigación realizada, pola súa proxección internacional e pola capacidade da institución para captar investimentos procedentes do tecido industrial e para obter patentes. 

A edición 2026 do ránking THE incluiu 2.191 institucións académicas de educación superior  procedentes de 115 países e rexións. A listaxe está elaborada en base a dezaoito indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia (29,5% da valoración final), contorna investigadora (29%), calidade da investigación (30%), industria (4%) e proxección internacional (7,5%). 

A clasificación deste ano abrangue 174,9 millóns de citas correspondentes a 18,7 millóns de artigos de revistas, recensións de artigos, actas de congresos, libros e capítulos de libros publicados ao longo de cinco anos. Os datos inclúen máis de 28.700 revistas activas con revisión por pares indexadas na base de datos Scopus de Elsevier. 

Ademais, enviouse unha enquisa a unha mostra de persoal académico seleccionado por THE, na que se solicitou que nomeasen as universidades que percibían como as mellores para a docencia e/ou a investigación no seu campo e valorar deste xeito a reputación das institucións. A Enquisa de Reputación Académica levouse a cabo entre novembro de 2024 e xaneiro de 2025. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2026.