Pasar al contenido principal
STG

Créase a Cátedra Institucional USC-MINDATA de recursos para estudos avanzados

O Consello de Goberno reuniuse este venres en sesión ordinaria. Foto: Santi Alvite
O Consello de Goberno reuniuse este venres en sesión ordinaria. Foto: Santi Alvite
O Consello de Goberno da USC reuniuse este venres en sesión ordinaria

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou este venres en sesión ordinaria a creación da Cátedra Institucional USC-MINDATA de recursos para estudos avanzados. Para tal fin, asinarase un convenio  coa empresa SERVICIOS TECNOLÓGICOS MINDATA SPAIN S.L., interesada en promover a docencia, a investigación, o desenvolvemento e a innovación aplicados ao estudo de ideas emerxentes procedentes dos ámbitos da física e a matemática, así como a outras áreas, por un período de catro anos e unha achega anual de 25.000 euros.

Na xuntanza tratáronse tamén varios asuntos relacionados co Persoal Docente Investigador, como a prórroga de varios contratos de profesorado contratado e a modificación dun cambio de adscrición a campus incluído na Planificación de PDI 2025, así como a adscrición do investigador Oportunius Ignacio Insua López e a proposta de candidaturas Beatriz Galindo. Así mesmo, recoñeceuse o interese que ten para a USC a realización do traballo proxectado pola profesora Beatriz Pelaz García na Axencia Galega de Innovación a través do programa Oportunius, con quen asinará un contrato laboral de cinco anos como investigadora distinguida.

Decidiuse ademais modificar o Regulamento do Comité de Ética da USC para que sexa o Comité de Bioseguridade o que informe sobre os proxectos de investigación con axentes biolóxicos e organismos modificados xeneticamente e eliminar o grupo específico sobre esta materia que existe na actualidade.

A participación da USC como Associate Member na asociación EBRAINS, a modificación do regulamento de réxime interno da ETSE ou a cesión de espazos universitarios do Campus Sur á sociedade Cursos Internacionales da USC e á Fundación USC MP foron outros asuntos acordados na reunión.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2026.