Pasar al contenido principal
STG

Camelot, dragóns e a presenza de drogas nas agresións sexuais entre o estudantado centran a Nerd Nite de febreiro

Cartel da Nerd Nite de febreiro de 2026
Cartel da Nerd Nite de febreiro de 2026
Desenvolverase o día 26, a partir das 20.30 horas, na Nave de Vidán
Santiago de Compostela

A primeira Nerd Nite do ano 2026 terá lugar este 26 de febreiro, ás 20.30 horas, na Nave de Vidán (Av. Mestra Victoria Miguez, 44). Nesta ocasión, as persoas relatoras serán Claudia Fernández Estrada, investigadora predoutoral na área de Filoloxía Inglesa da USC; Tiago García Ferrer, estudante do programa de doutoramento en Estudos da Literatura e a Cultura da USC; e Cristina Jorge Soto, profesora da área de Enfermaría da USC.

A charla de Claudia Fernández Estrada titúlase ‘O Rei Arturo no Quinto Pino: Redescubrindo a natureza de Camelot’. Pola súa parte, Tiago García Ferrer falará de dragóns e princesas no relatorio ‘Roubando princesas e queimando cabaleiros: a historia perdida dos dragóns’. Finalmente, Cristina Jorge Soto porá o foco nas ‘Agresións sexuais en presenza de drogas no estudantado galego’.

As Nerd Nites, organizadas polo catedrático da USC Jorge Mira Pérez, son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico, nun ton distendido e en horario nocturno. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo.
 

Cartel da Nerd Nite
Cartel da Nerd Nite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.02.2026.