Pasar al contenido principal
STG

As pandeireteiras Lina e Lola e o dúo Unto Vello actuarán o mércores 25 no ciclo Lubicán da Primavera Cultural

Lina e Lola (esquerda) e Unto Vello (dereita)
Lina e Lola (esquerda) e Unto Vello (dereita)
O mesmo día da actuación, ás 12.30 horas, desenvolverase un encontro con Unto Vello na Casa do Saber
Lugo

As pandeireteiras Lina e Lola, xunto con Unto Vello, formación integrada por Bieito Pereira e Xabi Gómez, actuarán no ciclo ‘Lubicán', incluído dentro da programación da Primavera Cultural, o mércores 25 de febreiro ás 20.15 horas na Praza de Santa María de Lugo. En caso de condicións climatolóxicas adversas, o concerto trasladarase ao Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. O mesmo día da actuación, ás 12.30 horas, desenvolverase un encontro con Unto Vello na Casa do Saber, que require previa inscrición a través do correo cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal)

Lina e Lola nace no Morrazo no ano 2013. Ao comezo eran só dúas, pero a familia foi medrando ata chegar ás nove pandeireteiras actuais. Nesta década de vida, teñen colaborado con artistas tan recoñecidos como Xabier Díaz, Mondra, El Nido, Xurxo Fernandes, Camaño&Ameixeiras ou AIlá, entre outros. O seu repertorio nace do traballo de campo de moitas persoas e percorre toda a xeografía galega e zonas estremeiras.

Unto Vello é un proxecto que nace das recollidas de cantigas tradicionais galegas que fan os seus integrantes: Bieito Pereira e Xabi Gómez. Pezas ás que aplican arranxos propios con instrumentación tradicional e voz. O resultado é unha música dedicada ao baile que tece comunidade en cada actuación. No seu primeiro ano de traxectoria, pasaron por escenarios como a Foliada da Fonsagrada ou o Ponte Farruca, ademais de acadar recoñecementos como ser finalistas nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional. Este 2026 será o ano do seu debut discográfico, cun álbum titulado Inmaterial que conta coa produción de Hevi (Laboratorio Soyuz). O disco recompilará os cantares recollidos por todo o país polo dúo, froito dun intenso labor de investigación e reinterpretación da música tradicional galega.

Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2026.