Pasar al contenido principal
STG

Exposición 'O ceo aos meus pés', de Luciana Rago Ferrón

09.03.2026-18.04.2026

Santiago de Compostela
Salón Artesoado

Detalle da obra da mostra 'O ceo aos meus pés'. Luciana Rago Ferrón
Detalle da obra da mostra 'O ceo aos meus pés'. Luciana Rago Ferrón

O 9 de marzo, na contorna do Día Internacional da Muller, inaugúrase ás 12.00 h no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca a exposición 'O ceo aos meus pés', da artista arxentina Luciana Rago, baixo o comisariado de Paula Cabaleiro. Ás 19.00 horas do mesmo día farase unha visita guiada á mostra coa artista e a comisaria. 

En diálogo directo co rico teito mudéxar do Salón Artesoado, este proxecto site specific “descende o ceo” simbólicamente, levando o debuxo e a pintura sobre papel ao espazo, nun xogo de sensacións entre o corpo, a pintura e a arquitectura.

O ceo tórnase vulnerabilidade, pel e memoria, mesmo corpo, case como se descendesen séculos de historia dese rico teito mudéxar volvéndose febras de paisaxe. Nesta obra da artista arxentina Luciana Rago, os papeis de febras vexetais son traballados con tinta e acuarela, nun interesante xogo visual na súa fascinación polo ambiguo, desdebuxando o anverso e o reverso, investigando múltiples posibilidades nunha sorte de tensión entre o leve, o etéreo e o denso, o permanente. A obra propónse así como unha experiencia vital para ser transitada: unha escenografía envolvente que ofrece diferentes puntos de vista e interpela activamente a quen a percorre.

“O ceo aos meus pés”, que toma o título dunha antoloxía de poesía chinesa contemporánea, é unha metáfora complexa, mais tamén sensorial: un ceo que se deconstrúe en luz, levidade e emoción, mentres a súa derme actúa como rexistro de memoria, pegada e resistencia. A artista dialoga, así, coa tradición pictórica oriental, mais o trazo e a mancha irrompen agora na tridimensionalidade para interpelar o corpo e a súa temporalidade imperativa.

«Vaise, si, vaise e déixanos; esta vida pasa voando. / O vento do ceo farate cambiar de sentido, e libre e ancho será o teu camiño: / como a canción dos paxaros, como esas nubes que pasan, como a danza das árbores». Así clamaba o poeta chinés Mi Dan, un dos 53 protagonistas da antoloxía de poesía chinesa moderna O ceo aos meus pés (Hiperión).

A mostra pode visitarse ata o 18 de abril, en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Luciana Rago

A artista Luciana Rago Ferrón (San Juan, Arxentina, 1982) desenvolve o seu traballo a partir da linguaxe da pintura e o téxtil, adoptando o formato de instalación en diálogo coas particularidades de cada contexto expositivo.

Cartel
Cartel
Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2026.