Pasar al contenido principal
STG

NeoGiANT transforma o bagazo de uva Albariño en ingredientes capaces de facer fronte a enfermidades infecciosas animais

A profesora Marta Lores, no centro da imaxe, presentou os resultados do proxecto no CEA. FOTO: Santi Alvite
A profesora Marta Lores, no centro da imaxe, presentou os resultados do proxecto no CEA. FOTO: Santi Alvite
O consorcio integrado por 20 socios de nove países e coordinado pola catedrática da USC Marta Lores desenvolve en Compostela a súa asemblea final
Lugo, Santiago de Compostela

O proxecto NeoGiANT (The power of grape extracts: antimicrobial and antioxidant properties to prevent the use of antibiotics in farmed animals) desenvolveu e validou formulacións naturais innovadoras con propiedades antimicrobianas e antioxidantes, que levan como ingrediente activo un extracto de bagazo de uva Albariño. Para acadar este obxectivo, usouse unha técnica de extracción sostible e patentada, valorizando os residuos da produción de viños brancos de alta calidade que aínda conservan unha importante carga dos compostos bioactivos orixinalmente presentes na uva. 

A asemblea xeral final do proxecto NeoGiANT, na que tamén participou o director da Área de Valorización, Trasferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, José Luis Villaverde, comezou este xoves 5 no Centro de Estudos Avanzados e estenderase ata o venres 6. Ao longo de tres días, as persoas integrantes do proxecto expoñen os logros acadados. Este consorcio internacional do programa H2020 está coordinado pola catedrática de Química Analítica da USC Marta Lores e está integrado por 20 socios de nove países, dos cales catro son institucións de educación superior —alén da USC, forman parte as universidades de Porto, Berlín e Bohemia do Sur na República Checa—. O equipo da USC está formado polos investigadores Carmen García Jares, Trini de Miguel, Sandra Sánchez, Patricia Díaz, Roberto Bermúdez e Maribel Quiroga, xunto con María Celeiro como xestora do proxecto. A ceremonia de clausura contará coa presencia de autoridades académicas da USC e de representantes da REA, Axencia Executiva Europea de Investigación.

Produtos xerados 

Estes novos produtos inclúen preparacións intramamarias, aerosois tópicos, sistemas líquidos para a acuicultura, ingredientes funcionais líquidos e sólidos para pensos e prototipos compatibles con diluíntes de seme. Todos os prototipos foron validados a escala pre-industrial, o que supuxo, por exemplo, a produción de 2.000 xiringas intramamarias para o tratamento da mastite bovina, máis de 1.500 quilos de penso para a alimentación de leitóns e avaliación do seu efecto na diarrea post-destete, 600 quilos de penso para alimentar 24.000 troitas arcoiris e diluentes de seme para grandes granxas de esturión ou reprodución porcina a grande escala. Isto supuxo a transformación de máis de 20 toneladas de bagazo de uva Albariño na produción de mais de 15.000 litros de extractos nas súas diferentes formulacións. 

Como explica a investigadora principal do proxecto, Marta Lores, demostrouse que “estas novas formulacións permiten controlar un bo número de enfermidades infecciosas de grande importancia na produción animal, tanto en gandería —bovina, porcina e avícola— como en acuicultura, pero non só para evitar o crecemento de microorganismos, senón para mellorar a saúde e o benestar dos animais, aumentando así ademais a rendibilidade das instalacións gandeiras e das piscifactorías”. En definitiva, os resultados do proxecto indican que as excelentes propiedades dos extractos naturais, baseadas nos polifenois bioactivos da uva Albariño, proporcionarán protección antimicrobiana e antioxidante aos animais, mellorando o seu benestar e rendemento e actuando como terapias preventivas.

Todos estes desenvolvementos foron difundidos en diversos foros e reunións internacionais, e deron lugar a numerosas publicacións científicas e a varias patentes actualmente en tramitación. Entre os resultados acadados destaca ademáis a redacción e publicación a través do Comité Europeo de Normalización (CEN) da norma CWA 18342:2026, que proporciona directrices harmonizadas para a avaliación dos antioxidantes en extractos de bagazo de uva branca e establece unha referencia de pre-normalización que pode ser adoptada pola industria, os laboratorios e os reguladores, facilitando ademais o aseguramento da calidade e a aceptación no mercado de iniciativas futuras baseadas no uso de subprodutos agroalimentarios similares.

Pacto Verde Europeo

A viabilidade demostrada en NeoGiant de converter o bagazo de uva en ingredientes funcionais antimicrobianos e antioxidantes eficaces apoia directamente os obxectivos do Pacto Verde Europeo e da iniciativa ‘Da granxa á mesa’. Tal e como destacan dende o proxecto, as metodoloxías e os procedementos desenvolvidos no proxecto poden servir de guía para futuras regulacións que promovan os produtos veterinarios naturais, as formulacións ecodiseñadas e a valorización dos residuos agrícolas, contribuíndo así a uns sistemas alimentarios e de saúde animal máis sustentables e resilientes en toda Europa.

Asistentes á xuntanza. FOTO: Santi Alvite
Asistentes á xuntanza. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.03.2026.