Historiadores fan unha posta en común sobre os mecanismos de adaptación social en contextos de violencia estatal masiva
Os investigadores do proxecto ‘Mecanismos de adaptación social en contextos de violencia estatal masiva. O caso de Galicia (1936-1939) en perspectiva comparada’ exporán nun seminario as investigacións realizadas no desenvolvemento do proxecto. En dúas xornadas, este xoves 21 e o venres 22 no Consello da Cultura Galega, a seminario divulga deste xeito o traballo que se está a realizar ao abeiro do proxecto, cuxo obxectivo é investigar e analizar o carácter e características principais dunha sociedade sacudida por certo tipo de violencia masiva a partir do mellor coñecemento dos comportamentos das xentes, alén das dicotomías entre vítimas e verdugos. Como explica o director do seminario, o investigador Antonio Míguez Macho, a investigación centrouse no caso de Galicia entre 1936 e 1939, empregando unha perspectiva comparada que inclúa o contraste das experiencias vividas noutras rexións de España, Europa e América que viviron situacións de violencia estatal masiva equiparables. Abertos a todas as persoas interesadas nos temas a tratar, o investigador principal do proxecto, Antonio Míguez Macho, inaugurará a xornada este xoves 21 cun relatorio introdutorio ás 9.30 horas. Seguiranlle Peter Anderson e Miguel Ángel del Arco falando sobre ‘O sentido da propiedade e a forxa da comunidade nacional franquista’ e Claudio Hernández Burgos sobre ‘O funcionamento cotiá da represión franquista durante a posguerra (1936-1951)’. Pola tarde, dende as 16.00 horas, Óscar Rodríguez Barreira pronunciará o relatorio ‘Señor ten piedade... identidade, impostura e armas dos débiles fronte á represión franquista’ e Erik Zubiaga outro titulado ‘O que non puido facer Zumalacárregui, o que imos facer nós. O ‘castigo’, a ‘ conquista de almas’ e as actitudes sociais en Bizkaia durante a inmediata posguerra (1937-1942).