Pasar al contenido principal
STG

Última lección do profesor Luís Iglesias Feijoo en Filoloxía

Iglesias feijoo leva vinculado á USC dende 1961 (Foto: SERVIMAV-USC)
Iglesias feijoo leva vinculado á USC dende 1961 (Foto: SERVIMAV-USC)

O profesor Luís Iglesias Feijoo, catedrático do Departamento de Literatura Española da USC, pronunciou este venres nun emotivo e concorrido acto a súa última lección como docente en activo na institución, á que leva vinculado desde que en 1961 iniciou os seus estudos de Filoloxía Románica. A lección, que levou por título‘Sobre El Buscón de Quevedo’, respondeulla o profesor da Universidade Autónoma de Barcelona e membro da Real Academia Española, Francisco Rico.

No acto participaron ademais o director da Real Academia Española e catedrático da USC, Darío Villanueva, a decana da facultade, María José López Couso, e o director do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral e membro do grupo de investigación Calderón da USC, Santiago Fernández Mosquera, que presentou o volume Diferentes y Escogidas. Homenaje al profesor Luis Iglesias Feijoo, un conxunto de artigos académicos coordinado por el mesmo e publicado en 2014.

Case cinco décadas
A actividade docente do profesor Luís Iglesias Feijoo na USC comezou en 1966, e desde entón impartiu leccións en todos os niveis do ensino universitario na facultade compostelá ademais de facelo como convidado en universidades como as de Bourgogne, Dijon, Colorado, Brown ou Philadelphia. O profesor é Académico Correspondente da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona.

Desenvolveu o seu labor investigador no ámbito da literatura española, con especial atención a Buero Vallejo, Larra, Valle-Inclán ou Calderón de la Barca, autor sobre o que actualmente dirixe un grupo de investigación e co que obtivo 13 proxectos de ámbito estatal e autonómico.

Durante a súa extensa carreira ocupou tamén diferentes cargos de xestión dentro da universidade – ­desde director de Departamento ata vicerreitor de Profesorado–, ao que hai que sumar a súa vinculación con distintas fundacións ou premios literarios nos que participou como xurado, a organización de numerosos congresos ou a dirección da Cátedra Valente da USC.

Numerosos colegas e amizades asistiron á sesión en Filoloxía (Foto: SERVIMAV-USC) O profesor da Autónoma de Barcelona e membro da Real Academia Española, Francisco Rico, respondeu a súa lección (Foto: SERVIMAV-USC)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2015.