Ir o contido principal
STG

Día Internacional da Lingua Materna 2026

III Xornada 'Contar a ciencia desde nós'

20.02.2026 | 12.00h

Lugo
Salón de Actos

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC volve conmemorar o Día Internacional da Lingua Materna cun evento centrado na divulgación científica, e coa entrega de premios do concurso Petiscos de ciencia

Detalle do cartel
Detalle do cartel 2026

Hai xa máis dun cuarto de século que a Unesco e maila ONU veñen conmemorando o Día Internacional da Lingua Materna, co fin de concienciar sobre a importancia de conservar a diversidade lingüística e cultural e o plurilingüismo do planeta.

A edición deste ano, que pon o foco nas Voces da mocidade sobre a educación multilingüe, quere subliñar que a lingua é moito máis ca un medio de comunicación: é fundamental para a identidade, a aprendizaxe, o benestar e a participación na vida social. parte do lema 'As linguas importan' e destaca a urxencia de avanzar no recoñecemento da diversidade lingüística co fin de construír un mundo máis inclusivo e sustentable coa mirada posta no 2030. 

Partindo desa evidencia, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias organiza o acto Contar a ciencia desde nós

Con el quérese destacar o valor de contar con sistemas educativos que formen en ciencia nas linguas maternas (no noso caso, en galego), tanto no ensino formal como en contextos de divulgación. E á vez recoñecer o talento divulgador da mocidade que nun futuro vai ser universitaria. 

No acto participará Patricia González Cabaleiro, do grupo GeoTech (Universidade de Vigo). Esta investigadora predoutoral vainos traer o monólogo Podería dicir que son, co que acaba de gañar a primeira edición do concurso Gargallada científica, desa universidade. 

E tamén nos acompañará Carlos Rebolo, contador de historias e membro do colectivo NOGA, que presentará a intervención narrativa As cousas non sempre son o que parecen.

E por último entregarémoslles os premios ás gañadoras e gañadores da edición 2025 do concurso Petiscos de ciencia, que premia os mellores vídeos de divulgación científica elaborados por alumnado de ensino secundario.

A asistencia é libre e de balde, ata completar a capacidade do espazo, así que a Facultade de Ciencias anima a toda a comunidade do campus de Lugo a acompañalos nesta conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna, no marco dunha sesión que se desenvolverá o venres 20 de febreiro, a partir das 12.00 horas, no salón de actos José Rodríguez Mourelo deste centro universitario.

 

Cartel anunciador
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2026.