A segunda lectura antolóxica de Rosalía de Castro desenvolverase o 26 de febreiro a partir das 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC. O poeta catalán, Jaume Subirana, será o encargado da selección e lectura dunha escolma de poemas de Rosalía que dialogarán con textos doutros autores en linguas como o catalán, o inglés ou o asturiano.
Baixo a denominación 'Vou con farois, buscándome a min mesma', o profesor Subirana, catedrático de Literatura Catalana na Universitat Pompeu i Fabra, guiará unha lectura comentada na que cada poema será glosado e interpretado, dando lugar a reflexións e conexións que farán dialogar a obra de Rosalía coas poéticas contemporáneas para reivindicar a actualidade e universalidade da súa obra.
A inspiración destes diálogos toma como modelo o recital antolóxico de poesía galega que se celebrou en Bos Aires en 1956 baixo a coordinación de Eduardo Blanco Amor.