Ir o contido principal
STG

Abre a matrícula para os 60 cursos da Universidade de Verán

O vicerreitor de Oferta Docente, Roberto López, e o responsable da área de Cultura da USC, Pablo Sampedro, presentaron a programación deste verán (Foto: SERVIMAV-USC)
O vicerreitor de Oferta Docente, Roberto López, e o responsable da área de Cultura da USC, Pablo Sampedro, presentaron a programación deste verán (Foto: SERVIMAV-USC)
A programación comeza en Santiago e Lugo na segunda semana de xuño

A Universidade de Verán 2015 acaba de abrir a matrícula para os 60 cursos que integran a súa oferta deste ano, oito máis que o pasado. O maior volume concéntrase nos campus de Santiago e Lugo, onde se poderán cursar 31 e 21 cursos respectivamente, pero tamén noutras oito localidades como son Cervantes, Guitiriz, Lalín, Mondoñedo, Oleiros, Pastoriza, Seoane do Courel e Vilanova de Arousa. O prazo para a formalización da matrícula rematará dez días antes da celebración de cada encontro. A programación comezará na segunda semana do mes de xuño, con cursos en Santiago referidos a radioloxía, química, a participación interxeneracional no proceso educativo, innovación de servizos asistenciais e a loita contra a pobreza; mentres que en Lugo esa semana iniciaranse cursos sobre os usos da auga, factoría de éxito e traballos de fin de grao e fin de máster en Ciencias Experimentais. Os detalles de toda a programación, que continuará en xullo, agosto e setembro, poden consultarse no web aberto a tal efecto. A institución docente compostelá mantén as taxas xerais de matrícula dos últimos anos, 120 euros para cursos de 25 ou máis horas e 70 euros para os de menor carga docente. Ademais o estudantado universitario, de bacharelato ou de Formación Profesional, pensionistas, desempregados/as e persoal docente e investigador e de administración e servizos da USC poderá acollerse á taxa reducida (70 e 40 euros, en función do número de horas totais). O alumnado da USC que se matricule poderá validar a súa asistencia como créditos ECTS ou como de libre configuración. Para antigas licenciaturas e diplomaturas a validación será en forma de libre configuración, dous por cada curso de 30 ou máis horas e un polos de menos de 30 horas. Pola súa banda, para os graos a validación será de dous créditos ECTS por cada curso de 25 horas ou máis (ata un máximo de seis) e de un para os de menos de 25 (igualmente cun límite máximo de seis créditos).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2015.