Ir o contido principal
STG

aCadaCanto abre o día 20 o ciclo Lubicán cunha homenaxe á lírica de Rosalía de Castro plasmada no seu traballo ‘a rosa d’Adina’

Pedro García Herradón, Mario Outeiro, Carmen Basadre e Xosé Lois Romero, na presentación do ciclo Lubicán
Pedro García Herradón, Mario Outeiro, Carmen Basadre e Xosé Lois Romero, na presentación do ciclo Lubicán
Xoán Curiel, A Quenlla, Pitanfona, Radio Cos e Milesios completan o cartel musical da sétima edición do Lubicán, que traerá a Lugo seis concertos de febreiro a xuño

A formación aCadaCanto, un proxecto artístico no que conflúen catro grandes expoñentes da música galega como o son Gaudí Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, abrirá o vindeiro 20 de febreiro, no auditorio da Casa do Saber, a sétima edición do ciclo Lubicán, un programa deseñado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e a través do que Universidade de Santiago, Concello e Deputación de Lugo pretenden achegar a público lugués a música de grupos galegos de diferentes estilos e formacións.

O concerto de apertura do Lubicán 2014 servirá asemade para a presentación do último traballo de aCadacanto, ‘a rosa da Adina’, un disco no que esta formación galega rende a súa particular homenaxe á lírica popular de Rosalía de Castro co gallo do 150 aniversario da publicación de ‘ Cantares Gallegos’ e no que se combinan poemas musicados da autora Padrón con temas do traballo en común desta formación galega. A música de aCadaCanto abrirá na capital luguesa esta nova edición do Lubicán, un ciclo presentado este martes polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus lugués, Pedro García Herradón, no salón de actos da Deputación de Lugo, no marco dun acto no que tamén participaron o deputado provincial delegado das áreas de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o músico Xosé Lois Romero, que é un dos integrantes de aCadaCanto. Logo desta homenaxe melódica a Rosalía de Castro, o ciclo Lubicán terá continuidade no mes de marzo cun concerto de Xoán Curiel e a súa particular xira de peregrinación magnética. Este compositor, guitarrista, e actor nado na Fonsagrada, un dos valores actuais da música galega que fai pop galego con influencias de world music, interpreterá na Casa do Saber algúns do temas do seu último traballo ‘Magnético Zen’, un álbum non que ofrece a súa particular visión crítica do caos no que se atopa inmersa a sociedade actual, ademais doutras composicións. O Lubicán 2014 tamén é o marco elexido por A Quenlla para a presentación do seu último traballo, ’30 anos con A Quenlla de Amor, Dor e Loita’, un álbum aínda sen rematar, pero cuxos temas soarán o 28 de marzo no auditorio da Casa do Saber, o mesmo escenario que acubillará o 24 de abril o concerto de presentación do dúo Pitanfona, integrado polos músicos lugueses Efraím Díaz e José Varela e que nace coa pretensión de contibruír á recuperación do pito pastoril galego. O grupo Radio Cos, nado na Coruña en 2005 da man e baixo o pulo de Xurxo Fernandes e Quique Peón, que ademais de cantantes e percusionistas deste grupo, son tamén referentes no eido da investigación etnográfica en Galicia, presentará o 15 de maio no marco do Lubicán o seu primeiro traballo. O ciclo Lubicán 2014 botará o pano o 12 de xuño na Casa do Saber cun concerto de Milesios, un grupo formado en 2009 por seis músicos interesados en interpretar música de raíz galega e irlandesa que tocará en Lugo, entre outros, temas do seu primeiro traballo ‘Alén mar’, que contén pezas tradicionais e obras compostas polo grupo. O auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo acubillará todos os concertos incluídos na sétima edición do ciclo Lubicán. A entrada para as distintas actuacións será libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar o aforo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2014.