Ir o contido principal
STG

Entrega de insignias e premios fin de carreira á última promoción de Enxeñaría Técnica Agrícola titulada na Escola Politécnica

Enxeñeiros técnicos agrícolas, con representantes dos colexios profesionais e profesores da USC
Enxeñeiros técnicos agrícolas, con representantes dos colexios profesionais e profesores da USC
Os colexios profesionais distinguiron os proxectos de Noelia Iglesias e Sandra Rodríguez nun acto que tamén lembrou os 50 anos do nacemento do órgano colexiado lugués.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo celebrou este xoves o acto de entrega de insignias e premios fin de carreira aos máis de medio centenar de titulados pertencentes á última promoción de Enxeñaría Técnica Agrícola egresada da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC.

Este acto académico, presidido polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e no que tamén participaron o director da EPS, Tomás Cuesta García, así como dos decanos dos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos agrícolas de Lugo, Armando Rey Rodríguez, e da Coruña e Pontevedra, Rafael Muíños Moreno, contou coa participación do secretario xeral do Consello Xeral de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España, Ignacio Hernando Hornillos, quen ofreceu un relatorio sobre as competencias, atribucións e vantaxes das colexiación dos enxeñeiros técnicos agrícolas. A sesión académica rematou co acto de entrega de premios fin de carreira, uns galardóns outorgados polo colexios oficiais de enxeñeiros técnicos agrícolas de Galicia aos autores dos mellores proxectos de fin de carreira presentados nas distintas especialidades . A enxeñeira Noelia Iglesias Seijo recibiu o premio, dotado cunha contía en metálico de 700 euros, ademais de diploma acreditativo, na especializada de Mecanización Agraria e Construcións Rurais polo seu proxecto dunha queixería no concello de A Pastoriza. Nesta categoría, tamén foron distinguidos os proxectos de fin de carreira presentados polos enxeñeiros Iván Valcarce, Marta Pérez, Xiana Salgueiro e Roberto López. A tamén enxeñeira técnica agrícola Sandra Rodríguez acadou o premio de fin de carreira na categoría de Hortofruticultura e Xardinería por un proxecto de explotación gandeira eficiente en Sarria. Os traballos desenvolvidos por Jesús Saul, Pilar Rodríguez e Alejandro González tamén foron obxecto de recoñecemento por parte dos membros do xurado responsable da concesión duns galardóns, durante cuxo acto de entrega tamén se procedeu a imposición de insignias aos enxeñeiros técnicos agrícolas da última promoción.

A celebración deste acto académico, a través do que se pon de manifesto a sintonía e a cooperación existente entre os colexios profesionais do ramo e a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, estivo presidida dunha sesión institucional conmemorativa do 50 aniversario da existencia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo e durante a que o enxeñeiros técnico agrícola Marcos Vázquez Marey ofreceu un relatorio. Co gallo desta efeméride, instalouse nas inmediacións da EPS unha exposición de tractores históricos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2015.