O equipo da USC consegue dezaseis medallas no Campionato Galego de Natación Máster de Verán celebrado en Ponteareas
O equipo de nadadores/as que representou á USC no Campionato Galego de Natación Máster de Verán disputado en Ponteareas colectaron nesta competición un total de dezaseis medallas ademais de bater tres plusmarcas autonómicas. No equipo feminino, María González subiu ao chanzo máis alto do podio en 400 metros libres e en 100 metros costas, marcando en ambos os dous casos novas plusmarcas galegas. Tamén Rita Cabanelas colectou dous ouros, en 200 metros estilos e en 200 metros bolboreta, incluíndo récord galego nesta última. Completaron o cadro feminino Elena Brozos, prata en 100 metros libres; Luisa Castillo, ouro en 50 metros costas; e Noelia Carrera, bronce en 50 metros libres e en 100 metros libres. Ademais, o equipo feminino conseguir o bronce no relevo 4x50 metros libres. Na categoría masculina, Ernesto Smyth acadou unha medalla de prata en 50 metros libres, o mesmo metal que Adrián Campaña en 50 metros bolboreta e en 100 metros estilos. Pablo Cabanelas, tamén prata pero en 200 metros bolboreta, alzouse co primeiro posto en 400 metros estilos, mentres que Danel Rey foi segundo en 100 metros costas e Jorge Mira bronce en 50 metros libres.