Ir o contido principal
STG

O Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC comeza a quinta edición con 35 enxeñeiros e arquitectos matriculados

Ojea, Bueno, Orozco e Guaita, na inauguración da nova edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC
Ojea, Bueno, Orozco e Guaita, na inauguración da nova edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC
Un total de 165 profesionais españois e estranxeiros recibiron formación especializada en madeira estrutural nas anteriores edicións deste posgrao, único en España

O Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, un posgrao organizado pola Plataforma da Madeira Estrutural (Pemade) da USC e que conta con financiamento de Confemadera Galicia, comeza a actividade da súa quinta edición cun total de 35 matriculados, na súa maioría enxeñeiros e arquitectos procedentes de toda España, tal e como se puxo de manifesto na apertura oficial deste posgrao, un acto celebrado este venres no salón de actos da Escola Politécnica Superio. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, presidiu esta sesión, na que tamén interviñeron como relatores o director do máster, o catedrático da USC Manuel Guaita, o alcalde de Lugo, José López Orozco, e o presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea. Este máster, único en España e que se imparte no campus de Lugo da USC, formou a máis de 160 profesionais. Trátase dun posgrao de carácter semipresencial e que conta cunha carga lectiva de 500 horas, das que o 65% son presenciais. Asemade, para favorecer a interconectividade e reducir custos de desprazamento, as clases presenciais de tipo teórico poderán seguirse en liña mediante a plataforma Adobe Connect, que permite interactuar desde un computador persoal, tablet ou teléfono móbil, tal e como explicou Manuel Guaita. O director do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural destacou asemade o crecente interese que está espertar esta proposta formativa entre os profesionais de todo o territorio nacional. Daquela, Guaita indicou que nesta nova edición do posgrao formalizaron a súa matrícula 18 arquitectos e enxeñeiros procedentes das distintas provincias galegas, así como outros/as 8 profesionais de Madrid e tres de Castela León, mentres que o resto de estudantes procede de Castela A Mancha, Cantabria, País Vasco, A Rioxa, Cataluña e Colombia. O presidente de Confemadera Hábitat Galicia, Elier Ojea, animou durante a apertura do curso a que os alumnos penetren no mundo da madeira, xa que nos atopamos ante o que os expertos chaman o superciclo da madeira. Ojea lembrou que este material se considera a materia prima do futuro tanto polas súas características como polas súas enormes posibilidades de desenvolvemento e formalización. O presidente de Confemadera Galicia destacou tamén que Galicia é unha comunidade intimamente ligada á madeira e lembrou que a industria da transformación da madeira e o moble de Galicia alcanzou o pasado ano os 1.668 millóns de euros de facturación e empregou a 20.000 profesionais de maneira directa e até 50.000 indirectamente. Un Máster de excelencia con 62 profesores e participación de 9 universidades O cadro docente conta con 62 profesores de perfil académico, investigador e profesional que proceden das universidades de Santiago de Compostela, Politécnica de Madrid, Vigo, Valladolid, A Coruña, Oviedo e Estremadura. O programa inclúe profesorado internacional das universidades de Campiñas (Brasil) e Trento (Italia). Respecto dos contidos incluídos neste posgrao, os alumnos afonda ao longo das distintas sesións formativas en distintos aspectos sobre a produción de madeira, silvicultura e xestión forestal sustentable, así como as propiedades tecnolóxicas da madeira, o seu clasificado e caracterización. No temario abórdanse o cálculo de estruturas, o aforro enerxético ou a bioconstrución. O programa complétase con prácticas de laboratorio, visitas a obras singulares, empresas do sector en Galicia e viaxes por Austria e Italia para coñecer de primeira man obras de arquitectura con madeira e empresas de fabricación de produtos tecnolóxicos avanzados. Tamén inclúe a realización dun proxecto final de carreira. A formación complétase con profesores dos centros tecnolóxicos da madeira de referencia en España como CIS Madeira, CETEMAS, AITIM e INIA xunto con profesionais da arquitectura, a enxeñaría e empresas do sector da madeira. Os alumnos que finalizan o máster teñen a posibilidade de inscribirse no rexistro de Especialistas en Madeira Estrutural que pon en contacto a estes profesionais con empresas do sector. Xornada de apertura Antes da celebración do acto inaugural propiamente dito, o catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC, Antonio Rigueiro, ofrecerá un relatorio baixo o título ‘Bosques e produción de madeira en Galicia’. Asemade, unha vez finalizada a sesión institucional de apertura do devandito posgrao, a secretaria de Confemadera Galicia ofrecerá unha intervención baixo o título ‘Galicia, madeira de líderes’. O arquitecto e membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Enrique Neure, pechou a xornada cunha exposición sobre o pasado e o presente da madeira Alumnos e docentes que participan neste posgrao da USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.09.2014.