Once candidaturas optan ao XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, a organización do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que convocan o Grupo Aresa e a Universidade de Santiago contabilizou un total de once candidaturas rexistradas para concorrer á vixésimo sexta edición do galardón.
A relación das candidaturas que optan ao galardón, dotado con 10.000 euros e un diploma de mérito, son Cátedra do Pan e do Cereal, Embutidos Suarna, Da Escola á Granxa, Gandería Quintián, Belacolmea-Innovar dende a colmea, Hifas da Terra, Soc. Coop. O Rodo, Ecogranxa de Riomouro, Vacantes.gal, Bico de Xeado e AZ-Agro.
O xurado, formado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; a CEO de Granja Campomayor, María García Busto; e o catedrático de Química Analítica, Carlos Herrero Latorre, examinará todas estas candidaturas e fará pública a súa decisión o vindeiro venres 6 de febreiro nun acto que terá lugar ás 12:30 h na sala de prensa do Pazo de Montenegro na cidade de Lugo.