Ir o contido principal
STG

O profesor Elisardo Becoña participa nun estudo nacional sobre o problema da droga e as perspectivas futuras na abordaxe das adicións

O profesor Elisardo Becoña participa nun estudo nacional sobre o problema da droga e as perspectivas futuras na abordaxe das adicións
O profesor Elisardo Becoña participa nun estudo nacional sobre o problema da droga e as perspectivas futuras na abordaxe das adicións
Foi un dos expertos convidados pola comisión mixta Congreso-Senado para analizar esta realidade social

O catedrático de Psicoloxía Clínica da USC Elisardo Becoña participou nun estudo nacional sobre o problema da droga e as perspectivas futuras na abordaxe de adicións legais e ilegais, promovido pola comisión mixta Congreso-Senado e cuxo informe final vén de ser publicado.

O obxectivo desta ponencia sobre o tratamento e a prevención de adicións, un foro no que participaron diversos expertos nacionais e internacionais, era o de informar e asesorar e propoñer actuacións a desenvolver sobre temas de prevención e tratamento de adicións, a fin de que logo os responsables políticos as incorporen como medidas do Plan Nacional sobre Drogas.

As consideracións feitas polos distintos relatores que tomaron parte neste foro de traballo e análise atinxen a cuestións xenéricas como o son o desenvolvemento dun enfoque da problemática das adicións dun xeito equilibrado, transversal e multidisciplinar, desde as perspectivas sanitaria, social e económica, a dotación de financiamento axeitado e suficiente, a implementación de medidas de prevención e de colaboración, o fomento do debate e a sensibilización social con especial atención aos consumos de risco ou, entre outras, incorporar a prevención do abuso de novas tecnoloxías aos distintos programas de prevención.

A percepción social do problema, a consolidación e, se é o caso, progresiva mellora, modelo de atención, e a adopción de medidas orientadas a retrasar na medida do posible a idade na que se inician os consumos aditivos son outras das recomendacións incluídas entre as conclusións do informe elaborado pola comisión mixta Congreso-Senado para o Estudo do Programa de Drogas. O devandito informe final desta ponencia de estudo tamén salienta a importancia dunha actuación precoz, así como da disposición dun sistema de alertas temperás, así como doutras accións referidas a posibles modificacións normativas ou ao fomento da investigación e da innovación científica sobre as adicións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2014.