Ir o contido principal
STG

“Reivindicamos as cicatrices”

Detalle da mstra. FOTO: Santi Alvite
Detalle da mstra. FOTO: Santi Alvite
A mostra ‘Virando o Rosa’, que pode visitarse no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ata o 4 de marzo, pon o foco nas mulleres diagnosticadas de cancro e en como se están a enfrontar á enfermidade

A exposición fotográfica ‘Virando o Rosa’ de Diana Fajardo chegou este luns 16 ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para outorgar visibilidade ás mulleres diagnosticadas de cancro e a como se están a enfrontar á enfermidade. “Reivindicamos as cicatrices”, dixo a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, no acto inaugural. Esta mostra, engadiu, serve para unir as voces na defensa da sanidade pública xa que “a sanidade é a prioridade, a vida é a prioridade”. Neste senso, a vicerreitora defendeu a importancia dos diagnósticos precoces. Ademais da fotógrafa Diana Fajardo e da deputada provincial Sol Agra, interviñeron no acto as mulleres fotografadas, as cales relataron as súas respectivas experiencias destacando a necesidade de humanizar a atención sanitaria xa que “non somos números, nin estatísticas”. 

O proxecto 'Virando o rosa' aborda a atención ás mulleres diagnosticadas de cancro dende unha perspectiva de xénero. Esta iniciativa, que recibiu o VII Premio Luisa Villalba a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña, pivota sobre tres eixos: un libro gráfico, relatorios nas presentacións públicas e unha exposición fotográfica. Con estas tres iniciativas converxentes búscase tratar esta realidade social, amosala e intentar mudar comportamentos sanitarios na abordaxe do cancro e na atención ás mulleres; axudar a xerar un debate público para conseguir cambios no tratamento ás afectadas, ao mesmo tempo que dar un espazo ás mulleres que se atoparon con este tipo de comportamentos para poder presentar as súas propias experiencias.

“O obxectivo é superar imaxes como o lazo ou o pano rosa que, baixo un discurso de empoderamento e visibilización da recuperación, ocultan outras realidades”, explica Diana Fajardo. Preténdese dar voz e visibilidade ás experiencias e imaxes das mulleres diagnosticadas con cancro nun momento en que si existe unha presencia mediática das doentes, “pero o discurso predominante é case exclusivamente o de recuperación por riba das eivas que tamén se deberían amosar”. 

A mostra céntrase nunha realidade pouco tratada, pero que moitas afectadas consideran imprescindible sacar á luz para cambiar comportamentos, ofrecer unha atención máis personalizada, respectar os desexos das pacientes e buscar novas solucións aos problemas derivados dunha diagnose que segue tendo unha alta mortalidade  e que marca un antes e un despois na vida das mulleres dende a súa detección. “Tamén superar a imaxe de guerreiras, loitadoras e valentes que se expande como mantra e autoimpón respostas de superación en todo momento, sen ter en conta un día a día nos que falta axuda, recursos e rede de protección”, destaca. A mostra pode visitarse ata o 4 de marzo en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Diana Fajardo

Diana Fajardo é unha fotógrafa documental con máis de 20 anos de experiencia, doce deles co seu proxecto persoal. Algúns dos seus traballos máis salientables pódense contemplar de xeito permanente na Domus da Coruña. Con exposicións individuais e colectivas, leva dez anos como docente cunha escola de fotografía propia, onde aborda a formación dende unha perspectiva feminista.

 

O acto inaugural tivo lugar no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
O acto inaugural tivo lugar no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.02.2026.