A residencia Bal y Gay despide a súa 19 promoción de estudantes e outorga becas de honra a García Herradón e Carmen Varela
A residencia universitaria Jesús Bal y Gay da USC despediu a súa décima novena promoción de estudantes nunha cerimonia académica de na que se procedeu á imposición de becas aos residentes con tres anos de antigüidade no centro, un acto emotivo durante o que o equipo de dirección deste centro adscrito ao Servizo Universitario de Residencias da USC tamén condecorou con cadansúa beca de honra ao vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e á vicexerenta do campus de Lugo, Carmen Varela, en recoñecemento ao traballo desenvolvido a prol do centro.
O vicerreitor Pedro García Herradón aproveitou a súa participación neste foro estudantil para defender a universidade pública fronte á “campaña de desprestixio” que sufre nos últimos tempos, nos que, segundo dixo, se pretende transmitir a idea de que as universidades son pouco eficientes e pouco menos que dilapidan as achegas públicas. A crítica á pronunciada redución orzamentaria rexistrada no último trienio pola universidade pública española, unha merma que cifrou arredor de 1.300 millóns de euros, centrou outra das ideas da mensaxe transmitida por García Herradón, que arengou aos estudantes/as a ollar o futuro con optimismo, pois “se tedes que emigrar para gañarvos a vida, farédelo como enxeñeiros ou graduados universitarios, non como peóns, como o fixeron moitos dos nosos ancestros”, dixo. O director da residencia universitaria Jesús Bal y Gay, Xesús Feás, abriu a quenda de intervencións cun relatorio no que convidou aos preto de cen estudantes que na actualidade se aloxan no centro a aproveitar os valores propios da súa xuventude para afrontar os desafíos que lles veñen por diante. O subdirector da residencia universitaria da USC no campus de Lugo, Javier Prieto Pérez, guiou a cerimonia de imposición de becas aos estudantes con tres anos de antigüidade no centro e, logo de asumir como propias as declaracións feitas polas persoas que o precederon no uso da palabra, tamén manifestou o seu agradecemento a todos/as os/as traballadores/as que fan máis agradaba a vida e a estancia no centro. A semblanza non exenta de humor que o representante desta promoción de becados/as da residencia Jesús Bal y Gay, Javier Otero Pérez, fixo do seu paso polo centro, foi a nota máis distendida dunha concurrida cerimonia, que contou tamén coa asistencia de profesores da USC e de antigos directos da residencia.
O acto de imposición de becas serviu asemade para proceder á entrega de premios aos gañadores do concurso de fotografía dixital ‘A primavera chegou a Lugo’, ademais de para entregar un diploma acreditativo da súa estadía en Lugo á profesora de intercambio Shuang Lin. Ao remate da sesión, todos/as os/as asistentes, compartiron un ágape na cafetería da residencia Bal y Gay.
Estudantes e docentes asistentes ao acto de imposición de becas na residencia universitaria Jesús Bal y Gay