O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC chega á súa trixésima edición
A trixésima edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC, unha actividade incluída dentro da programación da Primavera Cultural, desenvolverase en Santiago de Compostela do 2 ao 7 de febreiro. Ademais da Aula de Teatro da USC, nesta edición participan as escolas de teatro das Universidades de Beira Interior de Portugal, de Granada e de Mozambique. Todas as representacións desenvolveranse no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 20.30 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá cada día ás 19.00 horas.
A Universidade da Beira Interior de Portugal sobe o pano do Festival este luns 2 coa peza Ficções do interlúdio, de Rui Pires, unha obra en lingua portuguesa. O martes 3, a Companhia de Artes A Palhota de Mozambique representará Lutar para perder, de Ailton Zimila, de novo en portugués. A compañía Brinco de Venus da USC representará o mércores 4 Re-rosas, unha creación colectiva a partir da obra Rosas danst Rosas de Anne T. De Keersmaeker. Santa liberada, de Mario de la Torre, é a obra coa que o Grupo de teatro e danza da Universidade de Granada intervirá no festival o xoves 5.
O programa do Festival contará o venres 6 cun acto conmemorativo do 35º Aniversario da Aula de Teatro da USC. Finalmente, o sábado 7 a Compañía de Teatro da USC pechará esta cita emblemática da escena compostelá coa representación en galego de Irmás, de Pascal Rambert.