Ir o contido principal
STG

O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC chega á súa trixésima edición

Detalle do cartel
Detalle do cartel
Desenvolverase do 2 ao 7 de febreiro no Salón Teatro. Todas as funcións comezarán ás 20.30 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá ás 19.00 horas
Santiago de Compostela

A trixésima edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC, unha actividade incluída dentro da programación da Primavera Cultural, desenvolverase en Santiago de Compostela do 2 ao 7 de febreiro. Ademais da Aula de Teatro da USC, nesta edición participan as escolas de teatro das Universidades de Beira Interior de Portugal, de Granada e de Mozambique. Todas as representacións desenvolveranse no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 20.30 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá cada día ás 19.00 horas.

A Universidade da Beira Interior de Portugal sobe o pano do Festival este luns 2 coa peza Ficções do interlúdio, de Rui Pires, unha obra en lingua portuguesa. O martes 3, a Companhia de Artes A Palhota de Mozambique representará Lutar para perder, de Ailton Zimila, de novo en portugués. A compañía Brinco de Venus da USC representará o mércores 4 Re-rosas, unha creación colectiva a partir da obra Rosas danst Rosas de Anne T. De Keersmaeker. Santa liberada, de Mario de la Torre, é a obra coa que o Grupo de teatro e danza da Universidade de Granada intervirá no festival o xoves 5. 

O programa do Festival contará o venres 6 cun acto conmemorativo do 35º Aniversario da Aula de Teatro da USC. Finalmente, o sábado 7 a Compañía de Teatro da USC pechará esta cita emblemática da escena compostelá coa representación en galego de Irmás, de Pascal Rambert.

Cartel coa programación
Cartel coa programación
Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2026.