O iHUS reflexiona sobre novos achegamentos ao problema da imaxinación no seminario internacional ‘Cristais do devir’
Os novos achegamentos ao problema da imaxinación son o eixo sobre o que se asenta o seminario ‘Cristais do devir’, impulsado polo Instituto de Humanidades da USC (iHUS) e que botará andar este xoves 19, a partir das 16.00 horas, no Centro de Estudos Avanzados.
Logo da sesión de apertura que correrá a cargo de Federico L. Silvestre e Sergio Meijide Casas, organizadores do foro, e ao longo de dous días, reflexionarán sobre esta cuestión Amelia Gamoneda, Andrea Soto Calderón, Dirk Michael Hennrich, Gerald Raunig, Guillermo Rodríguez Alonso, Sidney Carls-Diamante e Yeoryia Manolopoulou.
Creado en 2024 cun marcado carácter interdisciplinario, o iHUS trata de dar resposta aos retos máis urxentes da nosa sociedade, como son o benestar, a equidade e a xustiza nun planeta ameazado pola crise ambiental e enerxética; o impacto da tecnoloxía e da dixitalización, a intelixencia artificial, as súas posibilidades e os seus retos a nivel ético e tecnolóxico; e o cambio global, a mobilidade humana e as crises migratorias e de fronteiras, asuntos directamente relacionados coa construción de identidade(s), memoria histórica, fluxos transnacionais ou herdanzas culturais.