O programa de Faísca Cultural ‘To be or not to be: Hamlet’ comeza o 4 de marzo na Facultade de Ciencias da Educación (campus norte).
Poucas frases son tan incuestionables e universais como ‘To be or not to be’, polo que a eleximos como título desta nova Faísca Cultural, que se centrará no Hamlet de William Shakespeare cun enfoque moi particular, de novo da man co Centro Dramático Galego e dende diferentes disciplinas e áreas de coñecemento.
A Faísca Cultural é unha iniciativa artístico-pedagóxica que fomenta por riba de todo a reflexión cultural nas aulas, promovendo o pensamento crítico e o diálogo creativo, complementando así a formación académica do estudantado. O máis destacable é que esta actividade se desenvolve dunha forma interdisciplinar, de intercambio e relación entre seis facultades da USC, neste caso: Facultade de Ciencias da Comunicación, Facultade de Bioloxía, Facultade de Psicoloxía, Facultade de Filoloxía, Facultade de Ciencias da Educación e Facultade de Filosofía, en colaboración co Centro Dramático Galego, o que lle dá un peso importante no panorama teatral local.
O acceso ás actividades da Faísca é libre para toda a comunidade universitaria ata completar a capacidade dos espazos.