Misión
A Facultade de Psicoloxía, como centro prestador dun servizo público, ten como obxectivo prioritario contribuír á formación integral e inclusiva de profesionais e académicos/as de excelencia no ámbito da Psicoloxía, mediante unha educación de calidade baseada en principios éticos e científicos. Para acadar este obxectivo, o centro, promove o pensamento crítico, a responsabilidade social e o emprego de métodos de ensinanza innovadores que favorezan a formación de profesionais comprometidos coa saúde, o benestar e o desenvolvemento psicolóxico e psicosocial das persoas e da comunidade. Así mesmo, afánase na xeración, transmisión e difusión de coñecemento nas áreas disciplinares que constitúen o eixe vertebrador desta disciplina, co fin de consolidar un entorno académico de excelencia que posibilite a continuidade da súa misión fundamental: a formación de profesionais no ámbito da Psicoloxía.
Visión
A Facultade de Psicoloxía, no seu proxecto de futuro desexable, pretende consolidarse como unha Facultade:
- De recoñecido prestixio, tanto no contexto universitario como na contorna social, que destaque pola súa oferta académica, pola súa actividade investigadora e de transferencia e pola creación de valor social.
- Comprometida coa sociedade, capaz de responder ás demandas cambiantes do exercicio profesional e ás necesidades sociais, contribuíndo ao desenvolvemento económico, social e cultural da nosa comunidade.
- Cunha orientación centrada no estudantado, fomentando a súa implicación e a excelencia na súa formación profesional, ética e persoal.
- Comprometida coa actualización formativa e co desenvolvemento da carreira profesional do seu persoal docente e investigador, así como do persoal técnico de xestión, administración e servizo, vencellados ao centro.
- Cunha atención centrada nas persoas e nas súas competencias, promovendo a participación efectiva na toma de decisións, e a implicación responsable dos distintos colectivos que a integran.
- Capaz de impulsar e afianzar as relacións con colexios e asociacións de profesionais e, singularmente, cos seus titulados e tituladas, na procura dunha rede que integre os ámbitos académico e profesional e que favoreza a mellora constante da calidade da docencia e da investigación.
Valores
Considerando a misión e a visión anteriormente expostas, a Facultade de Psicoloxía réxese polos seguintes principios éticos e profesionais:
- Procura da excelencia e o valor social nas actividades académicas, de investigación e de transferencia, preservando e potenciando os sinais de identidade propios da Facultade.
- Compromiso co código deontolóxico da Psicoloxía.
- Compromiso coa transparencia, co rendemento de contas, e coa eficiencia na xestión dos recursos humanos e materiais.
- Compromiso co desenvolvemento sostible, coa igualdade, a equidade e coa eliminación de toda forma de discriminación.
- Compromiso cunha xestión democrática baseada no diálogo, na participación efectiva, na confianza e na responsabilidade compartida.
- Compromiso co principio de xustiza social que debe rexer unha institución pública nunha sociedade igualitaria.
- Compromiso coa transferencia de coñecemento e co servizo á sociedade, no ámbito da saúde, como contribución ao desenvolvemento integral da nosa comunidade.
Tomando como referencia a política de calidade da USC, a Facultade de Psicoloxía establece como principal meta o desenvolvemento de programas formativos actualizados e socialmente relevantes, avalados por unha xestión de calidade, e respetuosos cos seguintes principios éticos e profesionais:
- Orientación ao estudantado. Garante o compromiso de desenvolver programas formativos, orientados a obtención de resultados académicos solventes reflectidos tanto na taxa de éxito do estudantado como na elevada inserción laboral das persoas egresadas. Estes programas formativos concrétanse en actividades de orientación ao inicio, durante, e ao final dos estudos, coa atención á diversidade e necesidades especiais, coa oferta de actividades para a consecución de competencias transversais e co fomento das prácticas externas e da mobilidade.
- Sostibilidade. Planifica os seus estudos facendo o uso máis eficaz posible dos recursos, humanos e materiais, dispoñibles. Así mesmo, garante a calidade dos recursos materiais e servizos, mediante o adecuado mantemento e renovación de equipos e instalacións co fin de estar ao nivel requirido polos programas formativos en canto a equipamento científico, TIC, novos recursos para a aprendizaxe, cumprimento dos protocolos de prevención de riscos e seguridade laboral, así como ás necesidades relativas á accesibilidade e integración de persoas con necesidades específicas de apoio educativo.
- Excelencia. Utiliza a avaliación e seguimento dos resultados da formación e do Sistema de Garantía de Calidade para a actualización e mellora dos procesos formativos, na procura da excelencia, mediante a análise da consecución dos resultados da aprendizaxe, a adecuación das competencias ao exercicio profesional, a satisfacción dos grupos de interese, da eficacia dos procedementos e das incidencias e suxestións dos grupos de interese.
- Integración, participación e igualdade. Atende ás necesidades dos seus grupos de interese, habilitando diferentes sistemas de manifestación e de recollida de opinión que faciliten a participación na xestión e garantan a accesibilidade, a participación e a igualdade.
- Responsabilidade. Promove a mellora das condicións dos distintos colectivos que conforman a Facultade, impulsando unha dotación de persoal suficiente e un adecuado recoñecemento da súa actividade. Así mesmo, fomenta a formación continuada do profesorado e do persoal técnico de xestión, administración e servizo, e facilita, na organización do traballo, a conciliación entre a vida persoal e a laboral.
- Transparencia. Da publicidade a información relevante para os grupos de interese en relación coa oferta formativa da Facultade, co fin de facilitar unha toma de decisións informada e de posibilitar a súa participación nos procesos de mellora.