Lugo será capital do deporte galego ao acoller os ‘Campionatos Universitarios Xunta de Galicia’ de deportes colectivos
Os XXVIII Campionatos Universitarios Xunta de Galicia de Deportes Colectivos, que impulsa o Goberno galego, desenvolveranse os días 10 e 11 de marzo en Lugo. O programa foi presentado este xoves 5 no Pazo de Montenegro nun acto no que interviñeron o reitor Antonio López Díaz, o director territorial da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes na provincia, Francisco Javier Vázquez Nodal; o concelleiro da área de Urbanismo, Deportes e Xuventude, Jorge Bustos; e o deputado provincial da área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.
As competicións prevén reunir máis de 500 persoas das tres universidades galegas e desenvolveranse nas modalidades de fútbol, voleibol, balonmán, fútbol sala, rugby e baloncesto, en distintas instalacións deportivas da cidade e co formato de liga entre tres equipos a unha única volta. A USC participa nesta competición en liña coa súa vontade de seguir fomentando hábitos de vida saudables entre o estudantado e demais integrantes da comunidade universitaria.