Jacobo Álvarez Torres: «Reducir as emisións de metano pasa por medilas en condicións reais de explotación»
O traballo de Jacobo Álvarez Torres, investigador predoutoral do Grupo Reprogal (Reprodución e Obstetricia) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, sitúase na intersección entre produción animal, sustentabilidade ambiental e reprodución do vacún de leite, cun enfoque claramente aplicado ao sector gandeiro.
Na súa tese doutoral investiga estratexias para mitigar o impacto do gando vacún sobre o cambio climático, centrando o seu labor no deseño dun dispositivo capaz de medir a emisión de metano a nivel individual en vacas de leite.
O obxectivo é trasladar a medición deste gas desde o ámbito experimental ás explotacións comerciais, permitindo avaliar de forma realista como inflúen a alimentación, os aditivos ou o manexo sobre as emisións.
Paralelamente, Álvarez Torres traballa en problemas crave da reprodución bovina, como a síndrome de repetición de celos, unha patoloxía con importantes consecuencias económicas para as explotacións. Desde o grupo Reprogal, a súa investigación oriéntase a mellorar o diagnóstico e a comprensión de factores como a endometritis subclínica ou a permeabilidade oviductal, co fin de avanzar cara a unha maior eficiencia reprodutiva.
Ao longo da entrevista, o investigador reflexiona tamén sobre a importancia do traballo colaborativo, a docencia práctica en Veterinaria e a divulgación científica como ferramentas para achegar a ciencia á sociedade. Convencido de que animais máis eficientes son tamén máis sostibles, defende unha gandería baseada no coñecemento científico, a selección xenética e a transferencia real de resultados ao sector produtivo.
-Está a desenvolver a súa tese doutoral en torno á mitigación do impacto do gando vacún de leite sobre ou cambio climático. Cal é o enfoque principal do seu traballo e que avances destaca ata agora?
-O enfoque principal da miña investigación é no deseño dun dispositivo de medición de metano a nivel individual en vacas de leite. A día de hoxe temos un prototipo case funcional e estamos mellorando a súa colocación e comodidade para o animal.
-Nestes anos ten participado en varios artigos científicos internacionais sobre saúde e reprodución do gando vacún. Que papel ocupa a investigación colaborativa nos seus proxectos e que aprendeu de traballar con equipos multidisciplinares?
-A colaboración con investigadores doutros campos ou grupos é fundamental para mellorar os coñecementos e impulsalos dunha forma mais rápida que se foramos todos da mesma rama. Aínda que a reprodución en gando vacún pódese pensar como un eido moi específico, si que é verdade que conseguimos colaborar con outros grupos e outras persoas, porque como decimos nós: Todo afecta á reprodución.
-Unha parte do seu traballo céntrase non síndrome de repetición de celos nas vacas leiteiras. Por que é un problema relevante e que avances se están a facer para mellorar ou seu diagnóstico e tratamento?
-Na gandeiría en xeral, o que se busca sempre é que os animais se reproduzan, xa sexa para ter crías e poder cebalas, ou para que despois den leite e aproveitarllelo. O sindrome de repetición de celos en gando vacún e en especial de leite, é un problema moi importante nas explotacións xa que son animais sans, con ciclicidade estral normal e que por algunha razón non somos capaces de que queden preñados, polo que non haberá xestación, con posterior parto e lactación.
Nós, a día de hoxe, estamos enfocando a nosa investigación do síndrome de repetición de celos na endometrite subclínica ou na permeabilidade oviductal, habendo xente no grupo de investigación, que nos guían os que estamos comezando para poder coñecer máis desta patoloxía e do síndrome no seu conxunto.
-Tamén presentou comunicacións en congresos sobre a emisión de metano en vacún de leite. Que liñas de investigación cre que poden ser máis efectivas para reducir estas emisións sen comprometer a produción?
-A día de hoxe, case todas as investigación e métodos para reducir as emisións estánse levando a cabo a nivel experimental e cun número reducido de vacas, e son tantos os factores que afectan á emisión de metano, que non podemos afirmar que un método que reduce a emisión do gas a nivel experimental pode reducilo da mesma maneira nas explotacións comerciais.
De ahí que nos esteamos deseñando este dispositivo, para poder ver como afectan os diferentes aditivos á emisión de metano e a nivel comercial.
Por outro lado, dende o noso grupo pensamos que a mellor maneira de reducir a emisión de metano a longo prazo e sendo estable no tempo, é facendo unha selección xenética dos animais mais eficientes, sen esquecernos da produción de leite, así como conseguir unha eficiencia reproductiva óptima, para conseguir unha maior rendabilidade que vai estreitamente ligada coa emisión de metano. Animais mais eficientes, son mais rentables e producen menos gas.
-A docencia forma parte da vida dun investigador, que experiencias ten neste eido e como procura transmitir aos estudantes a importancia da investigación aplicada ao sector gandeiro?
-Gracias a unha beca da Fundación Tomás Notario Vacas de Caixa Rural, podo participar de forma activa na docencia práctica de algunha asignatura durante o cuarto e quinto ano de veterinaria. Baixo o meu punto de vista, a docencia debe de ser unha maneira de transmitir a paixón que temos polas asignaturas que estamos dando e que se relacionan coa investigación que estamos a realizar nos nosos grupos de investigación. Un problema grave da ciencia durante moitos anos era a falta de divulgación na poboación en xeral, e nos dentro da universidade temos a posibilidade de compartir os nosos coñecementos cos alumnos, sendo algo do cal temos que aproveitarnos.
-Estivo implicado en proxectos de divulgación científica, como 'É verdade que as vacas contaminan?' ou 'Doutor, que lle pasa á miña vaca?' Que significa para vostede achegar a ciencia á sociedade e que resposta atopou neste tipo de iniciativas?
-A ciencia que non se publica, e non só no ambito das revistas, non se lle pode chamar ciencia. Para min é fundamental transmitirlle a sociedade os nosos coñecementos e que saiban o que se está a traballar nas universidades.
De nada vale publicar na mellor revista do mundo, se esa investigación non pasa de ahí. A sociedade responde sorprendentemente ben ante iniciativas como as que desenvolve e participa Agromar, asociación de investigadores do Campus Terra pre e pos doutorais na súa totalidade, tendo moitas veces que pechar as inscripcións no mesmo día que se abren.
-Desde a súa experiencia, cal cre que son os principais retos da veterinaria e da produción animal para acadar sistemas máis sostibles e respectuosos co medio ambiente?
-O principal reto e conseguir alimentar a unha sociedade cada vez mais ampla e que demanda unha maior cantidade de alimentos de orixe animal. Por outro lado, unha maior eficiencia alimentaria nas especies animais e aproveitar todos os subprodutos de forma que haxa a menor cantidade de residuos posibles.
-Para rematar, como imaxina a súa carreira académica e investigadora nos vindeiros anos e que metas lle gustaría acadar no ámbito da veterinaria e da investigación gandeira?
-Non sei o que deparará o futuro, sen embargo sempre que estea ligado o sector do gando vacún para mín xa será todo un logro. Non me pecho a nada, nin me enfoco nun único fin.