Ir o contido principal
STG

Joel Rodríguez Ruiz: «Hoxe é inconcibible tomar decisións forestais sen sistemas de monitorización continua»

Joel Rodríguez está a traballar no Desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia
Joel Rodríguez está a traballar no Desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia.
O investigador do Grupo PROePLA aposta pola investigación aplicada, a teledetección e os inventarios continuos para mellorar a xestión e a resiliencia dos montes galegos

Joel Rodríguez Ruiz é investigador asociado do Campus Terra no Grupo Proxectos e Planificación (PROePLA), desde onde traballa no ámbito da monitorización forestal e a análise avanzada de datos aplicados á xestión do monte.

Tras completar a súa tese doutoral centrada no deseño e a posta en marcha de sistemas de monitorización forestal a gran escala, o seu labor investigador consolidouse nun campo crave para o futuro do sector forestal galego.

Nesta entrevista, Joel reflexiona sobre os retos técnicos e metodolóxicos da monitorización continua dos bosques, o papel crecente da teledetección na toma de decisións forestais e as innovacións que introduce o Inventario Forestal Continuo de Galicia, un proxecto estratéxico para mellorar a planificación e a resiliencia dos sistemas forestais.

Ademais, aborda a importancia da transferencia de coñecemento, a experiencia docente durante a súa etapa predoutoral no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e as oportunidades que se abren para a investigación forestal en ámbitos como a descarbonización e os mercados de carbono.

-A súa tese doutoral centrouse en sistemas de monitorización forestal. Cales diría que foron os principais retos técnicos e metodolóxicos dese traballo e que avances concretos achegou a este ámbito de estudo?

-Nos sistemas de monitorización forestal a gran escala existe unha gran cantidade de axentes que interveñen durante o seu desenvolvemento e son moitas as necesidades ás cales debe dar resposta, polo que na maioría dos casos isto trátase dunha tarefa complexa.

Neste sentido a miña tese tratou de abordar retos relacionados coa xestión desta tipoloxía de proxectos e o seu deseño, aportando unha proposta metodolóxica de xestión focalizada no deseño e posta en marcha dos sistemas de monitorización forestal, ademais de centrarse en aspectos concretos do deseño da mostraxe.

-Como investigador asociado no proxecto de Desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia, que innovacións ou melloras están a introducir respecto a os sistemas tradicionais de inventario forestal e que impacto esperan que teñan na planificación forestal galega?

-En primeiro lugar, síntome afortunado de poder participar, desde as súas orixes,  nun proxecto como é o Desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia que busca dar resposta a todas aquelas necesidades que presenta un sector tan importante para Galicia, como é o sector forestal.

Dar cumprimento a todas as necesidades de información é un gran reto debido ás características peculiares do sector galego. Para isto é necesario crear un sistema ad hoc, tratando de obter un sistema  de monitorización continuo, que permita obter información cuns períodos de actualización curtos, e tamén un sistema resiliente que poida adaptarse a novos cambios dunha maneira eficiente tratando de dar resposta a aquelas necesidades que poidan xurdir no futuro.

Deste xeito, o Inventario Forestal Continuo de Galicia busca resolver as necesidades de información  demandadas cun nivel de resolución maior que os sistemas actualmente vixentes. 

-Na súa traxectoria dentro de PROePLA, traballou estreitamente coa modelización e a análise de datos forestais. Que papel desempeñan actualmente as ferramentas de teledetección e a monitorización continua na toma de decisións forestais?

-Afortunadamente, tiven e teño a sorte de formar parte dun grupo de investigación como é PROePLA, onde puiden aprender da man de grandes expertos sobre ferramentas de teledetección e monitorización forestal continua, e na miña opinión penso que nestes momentos é inconcibíbel a toma de decisións forestais sen ter en conta estas ferramentas.

Moitos dos produtos de teledetección permiten obter información a gran escala en períodos curtos de tempo, o cal permite monitorizar os sistemas forestais dun xeito practicamente continuo. Se non se incorporase este tipo de ferramentas, en moitos casos habería que tomar as decisións con información obsoleta coa incerteza que iso orixina.

Imaxe dun bosque gallego.

-Entre o 2022 e este ano tivo un contrato predoutoral do Campus Terra, que lle permitiu participar tamén en tarefas docentes. Como influíu esta etapa na súa forma de abordar a investigación e na súa visión da transferencia de coñecemento?

-Durante o desenvolvemento da miña tese tiven o privilexio de contar cun contrato predoutoral do Campus Terra que me abriu as portas á docencia universitaria, o cal me permitiu vela desde o punto de vista do profesor e non só desde o de estudante que era o que tiña ata ese momento.

Penso que todo predoutoral debería pasar por esta experiencia, xa que a investigación non consiste só en aprender un mesmo se non tamén en ensinar os teus avances e creo que a docencia permíteche mellorar as competencias tanto en comunicación como en divulgación.

Neste sentido, creo que o verdadeiro éxito da investigación radica na súa transferencia dun xeito efectivo e polo tanto non debemos esquecernos de que os investigadores, sobre todo os que recibimos fondos públicos, temos a obriga de transferir os nosos coñecementos e avances ó resto da sociedade.

-O seguimento continuo dos bosques é clave ante desafíos como o cambio climático ou os riscos de incendios. Desde a súa experiencia investigadora, cales considera que son hoxe as prioridades para mellorar a resiliencia e sustentabilidade dos sistemas forestais galegos?

-O sistema forestal galego presenta un conxunto de características peculiares como é a gran cantidade de parcelas forestais cunha superficie moi pequena orixinando unha gran diversidade de modelos forestais.

Isto vese agravado pola falta de xestión de moitas das masas forestais ocasionada en moitos casos polo descoñecemento ou a falta dunha alternativa que cumpra coa necesidade do propietario.

En gran medida todo isto dificulta o establecemento de estratexias resilientes e sustentables, e na miña opinión, penso que a mellora destas dúas facetas pasa por fomentar unha xestión activa e conxunta baseada en diferentes modelos forestais atractivos para os propietarios. 

-A súa liña de traballo combina investigación aplicada e desenvolvemento de sistemas de apoio á xestión. Ata que punto cree que Galicia está preparada para incorporar de maneira sistemática tecnoloxías avanzadas de monitorización e que obstáculos quedan por superar?

-Galicia é unha potencia forestal a nivel nacional e incluso a nivel europeo onde o nivel de capacitación e especialización dos axentes que interveñen no sector forestal galego é elevado. Polo tanto, considero que a aplicación de tecnoloxías avanzadas é algo posible aínda que resultaría necesaria unha maior formación especializada para facilitar a súa incorporación efectiva.

Ademais, quizais haxa que facer unha maior labor cunha parte de propietarios que non están tan arraigados no rural e polo tanto non sexan coñecedores do potencial que posúen.

-Pensando no seu futuro profesional, que ámbitos da investigación forestal lle gustaría seguir explorando e en que tipo de proxectos vese contribuíndo nos próximos anos?

-Gustaríame seguir ligado a monitorización forestal xa que penso que aínda queda moito camiño por percorrer e no cal se abren oportunidades cos constantes avances metodolóxicos e a aparición de novas necesidades de información.

Un exemplo disto son as necesidades relacionadas cos mercados de carbono e os proxectos de descarbonización para facer fronte o cambio climático. Neste ámbito os bosques xogan un papel moi importante e, polo tanto, quizais parte dos meus esforzos futuros vaian enfocados a esta liña temática.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.01.2026.